CRTVG

Buscar

O Goberno aproba estender o estado de alarma e apela a un "grande acordo de país"

Publicado o 07/04/2020 15:40

O Goberno fixo este martes un chamamento a partidos políticos, sindicatos e empresarios para alcanzar "un gran acordo de país" co que facer fronte á crise do coronavirus unha vez sexa controlada a pandemia a nivel sanitario.

"Queremos abrir un horizonte de colaboración" con todos os actores posibles, "unha sorte de concertación social" que permita afrontar os retos que se exporán a medio prazo, dixo a ministra portavoz, María Jesús Montero, en rolda de prensa tras o Consello de Ministros que aprobou a prórroga, por segunda vez, do estado de alarma.

Montero lembrou que, tal e como dixo o presidente do Goberno Pedro Sánchez, é necesario ese grande acordo, "chámense os novos Pactos da Moncloa ou como sexa", para definir como se vai a construír "a España que queremos".

Iso conséguese, dixo, coa achega, o talento e o concurso de todos os actores políticos, sociais e económicos, e preservando valores colectivos e "o colchón de seguridade" que garante o acceso a servizos públicos de calidade.

A ministra precisou que será "imprescindible" abordar ese proxecto de país ao que o Goberno convida a sumarse a todos, unha vez que se controle a pandemia a nivel sanitario. 

O confinamento está a salvar vidas

Os datos "apuntan a que imos na boa dirección" e, grazas ao enorme sacrificio do confinamento "estamos a poder salvar vidas", engadiu.

Segundo Montero, as medidas de illamento están a funcionar e "o esforzo colectivo está a traducirse en vidas salvadas e en tempo gañado" para o sistema sanitario para poder reforzarse e asegurar que ninguén quede sen atención.

Con todo, a ministra apelou ao conxunto dos cidadáns para continuar ese esforzo, "non baixar a garda nin relaxarnos", con vistas a acoutar aínda máis os efectos do virus e reducir aa súa propagación antes de entrar na próxima fase, a do denominado "desescalado" ou volta paulatina á actividade previa.

Por iso, o Executivo aprobou unha segunda prórroga do estado de alarma, para a que espera contar co apoio dos grupos parlamentarios no pleno do Congreso deste xoves.

Flexibilización dos contratos para o campo

A través dun real decreto, o Goberno incorpora parados e inmigrantes para paliar a falta de xornaleiros que recollan as colleitas no campo, polas restricións de movementos. Necesitan entre 100.000 e 150.000 traballadores.

E por iso flexibilizan as condicións. Abren a porta a fórmulas de contratos ata agora vetadas e mesmo darán permisos especiais de traballo aos menores, de entre 16 e 18 anos. Un permiso que estará vencellado á duración do contrato e cando remate esas persoas volverán estar en situación irregular.

E para incorporar parados farán compatible o cobro deste traballo no campo coa prestación por desemprego.

Chamamento a un novos Pactos da Moncloa

Chamamento do Goberno a partidos, sindicatos e empresarios para deseñar a España que virá despois do coronavirus.

María Jesús Montero, voceira do Goberno, cre que "España necesita un grande acordo de país, chámese novos Pactos da Moncloa ou con outra denominación. Necesitamos a achega, o talento, o concurso de todos os actores políticos, sociais, económicos, para definir como imos seguir construíndo a España que queremos"

Tras aprobar a segunda prórroga do estado de alarma, que o xoves deberá convalidar o Congreso, o executivo admite que xa pensa na volta á normalidade: como facelo dependerá do punto en que estea a pandemia a semana que vén. Os datos tamén determinarán se se concentra en grandes infraestruturas os contaxiados sen síntomas. Montero anticipou que só afectaría os que non poidan facer a corentena na casa. O Goberno aprobou tamén que os parados poidan traballar como temporeiros ante a falta de man de obra na temporada forte da colleita.

Luis Planas, ministro de Agricultura, explicou que "se poderá compatibilizar de forma absolutamente excepcional e extraordinaria estas prestacións sociais coa posibilidade de obter ingresos por un salario efectuado nestas tarefas agrarias"

Ademais, o Goberno prorrogará os permisos de traballo para estranxeiros que expiraban o 30 de xuño e concederalles outros aos mozos doutros países que xa estean en España. O obxectivo é cubrir o déficit de 80.000 traballadores provocado polo peche das fronteiras.