CRTVG

Buscar

O teletraballo implantouse de forma apurada, pero parece que chega para quedar

Publicado o 27/04/2020 14:08

A obriga de dar preferencia ao teletraballo prolongarase polo menos 3 meses tras a finalización do estado de alarma, segundo o último paquete de medidas laborais sobre a COVID-19, posto en marcha polo Goberno. Un sistema de emprego ao que empresas e traballadores se tiveron que adaptar, en moitos casos, de xeito repentino.

Sonsoles de la Torre, administrativa en teletraballo, explica que tivo que adaptar un espazo para traballar na casa, ademAis de instalar as aplicacións necesarias para funcionar igual que na oficina.

A irrupción do teletraballo con motivo do coronavirus deixa unha pregunta no aire: trátase dun modelo que chegou para quedar ou, pola contra, presenta demasiadas limitacións?

Mario Lado, profesor de Psicoloxía Social, cre que se trata dun sistema para un momento especial que ten limitacións, pero que servirá como complemento ao traballo presencial.

Vantaxes para os empregados como a flexibilidade horaria que existe cando se traballa na casa, contrapóñense a outros inconvenientes como a brecha de acceso á tecnoloxía ou a redución das relacións interpersoais.

A análise da produtividade laboral será outra das claves, segundo os expertos, da futura implantación do teletraballo. Unha ferramenta que se está a coñecer a marchas forzosas e que a partir de agora será, cando menos, un complemento ao traballo presencial.

Noticias web

27/04/2020