CRTVG

Buscar

O Goberno prioriza as comunidades máis afectadas e con máis poboación na repartición do fondo de 16.000 millóns

Publicado o 16/06/2020 13:38

• Permite ás autonomías con superávit gastalo para financiar o déficit deste ano

• Luz verde a un novo tramo de 15.500 millóns para préstamos ICO ás empresas

Poboación e incidencia da pandemia de coronavirus son os principais criterios para a repartición do fondo de 16.000 millóns de euros aprobado hoxe no Consello de Ministros. Un fondo non reembolsable que destinará máis da metade, 9.000 millóns de euros, a reforzar os sistemas sanitarios das autonomías. Outros 2.000 millóns destinaranse á educación e outros 5.000 millóns de euros destinaranse a que as administracións autonómicas palíen o déficit de recadación e as perdas no transporte público.

Segundo explicou a voceira do Goberno, o fondo "demostra que este Goberno cre firmemente no estado das autonomías" e amosouse satisfeita cos criterios de reparto adoptados porque "a maior expresión de que o sistema de reparto é xusto é que ningún territorio se identifica con el ao 100 %. Ademais, puntualizou que o reparto non está condicionado. "É competencia das comunidades autónomas priorizar o seu uso; non se require xustificación nin facturas".

María Jesús Montero explicou cales van ser os prazos e os criterios de repartición do fondo, "froito do diálogo, obxectivos, razonables e transparentes", dixo.

 

Así, no primeiro tramo aboaranse 6.000 millóns de euros no mes de xullo en función da poboación, os pacientes hospitalizados e en UCI, así como o número total de PCR realizadas en cada comunidade autónoma a data 30 de abril.

O segundo tramo repartirá, no mes de novembro, 3.000 millóns cos mesmos criterios pero ponderando á alza a poboación da comunidade e cos datos sanitarios a data 31 de outubro.

"As comunidades que máis impacto tiveran da pandemia máis volume de recursos recibirán", dixo a voceira do Executivo.

O terceiro tramo, no mes de setembro, distribuirá os 2.000 millóns de euros destinados á educación. O 80 por cento desta cantidade repartirase en función da poboación de 0 a 16 anos e o 20 por cento restante será en función dos habitantes de entre 17 e 24 anos.

O cuarto e último tramo de 5.000 millóns será na súa maior parte (4.200 millóns) para paliar o déficit de recadación que se prevé este ano nas Facendas autonómicas e terá como base o peso da recadación autonómica nos anos 2017, 2018 e 2019. Os 800 millóns restantes destinaranse a compensar as liñas de transporte público que se mantiveron nas comunidades aínda sen viaxeiros.

Montero explicou, por outra banda, que o superávit das comunidades autónomas poderá utilizarse para financiar o hipotético déficit deste ano.

Aínda non se sabe canto lle tocará a cada comunidade. O Goberno defende un modelo de repartición dos cartos, que, asegura, beneficiará as máis afectadas polo coronavirus.

"Creo que responde con criterios de equidade e igualdade a unha repartición que foi complicada.O impacto da pandemia foi desigual en diferentes partes de España e tratábase tamén de que non sufriran as contas públicas pola enfermidade", aseguraba a voceira do Goberno, María Jesús Montero.

Por outra banda, o Goberno aprobou un último tramo de 15.500 millóns de avais do ICO, dos que 7.500 millóns son para autónomos e pemes e 5.000 millóns para grandes empresas.

Para impulsar o sector turístico destinaranse 2.500 millóns de avais a préstamos de pemes e autónomos, para cubrir necesidades de liquidez e facer investimentos.

O Goberno presentará este xoves un "ambicioso plan de pulo ao turismo", dixo Montero, para reactivar o sector.

ERTE

Por outra banda, o Goberno di ter "gran confianza" en poder prolongar os ERTE máis aló do 30 de xuño, despois de que non fose posible chegar a un acordo con patronal e sindicatos para materializar esta prórroga no Consello de Ministros de hoxe.