CRTVG

Buscar

O fiscal pide prisión provisional para o bailarín Rafael Amargo e a súa muller

Publicado o 03/12/2020 21:42

O fiscal pediu prisión provisional comunicada sen fianza para o bailarín e coreógrafo Rafael Amargo, que foi detido este martes por tráfico de drogas e pertenza a organización criminal, así como para a súa muller.

O bailarín foi arrestado sobre as oito da tarde deste martes no teatro La Latina de Madrid tras un ensaio da súa nova obra, que esperaba presentar este xoves nunha función que foi cancelada.

Amargo, que se negou a testificar ante a Policía Nacional na comisaría de Centro, situada na rúa Leganitos, declarou este xoves no xulgado de Plaza de Castilla, aos que chegou sobre as 11:45 horas nun vehículo policial.

Rafael Amargo chegou aos xulgados esposado e custodiado pola policía. Con el ían outros tres detidos, entre eles a súa parella e o seu produtor, todos eles acusados de tráfico de drogas e pertenza a organización criminal.

Na casa de Amargo, os axentes interviñeron 60 gramos de metanfetamina, 20 de quetamina e 6.000 euros en efectivo.

O seu avogado di que eran para o seu consumo.

"A cantidade de droga achada na súa casa é unha cantidade que non pode ser entendida como destinada ao tráfico. En todo caso, sería a cantidade que ten un consumidor", dixo Cándido Conde-Pumpido, avogado do bailarín.

O letrado tamén negou as informacións aparecidas nalgúns medios que apuntan á implicación de Amargo nunha organización criminal ou á existencia de armas atopadas no rexistro.

"Nin hai armas, nin organización de ningún tipo nin se ve ningún tipo de estrutura. Se falas de organización criminal con Rafael Amargo, que deixas para a mafia calabresa?", declaraba hoxe Conde-Pumpido.

Ante esta situación, o Teatro La Latina anunciaba esta tarde a cancelación do espectáculo 'Yerma', protagonizado polo bailarín e cuxa primeira representación estaba prevista para hoxe.

Noticias web

03/12/2020