CRTVG

Buscar

O festival O Son do Camiño 2020 vende todos os abonos en 80 minutos

Publicado o 10/03/2020 17:45
O festival O Son do Camiño 2020 vende todos os abonos en 80 minutos

O festival O Son do Camiño 2020 vendeu todos os abonos nuns 80 minutos despois de poñelos á venda ás 14:00 horas deste martes, día 10 de marzo. A organización deste evento que terá lugar do 18 ao 20 de xuño no Monte do Gozo, en Santiago de Compostela, destacou que este é o terceiro ano consecutivo en que o festival consegue vender todas as subscricións "en apenas 90 minutos".

"O grande interese que o cartel do Son do Camiño 2020 espertou tanto no público de todo o país como do estranxeiro e a grande experiencia que o público tivo nas dúas anteriores edicións foron as dúas claves deste novo éxito", sinala o festival.

O festival avanzou que anunciará a súa programación por días e poñerá á venda as entradas para cada un deles proximamente. Na súa terceira edición, O Son do Camiño contará con 39 artistas internacionais e seleccionou destacados referentes de cada xénero, tanto no rock e o indie (The National, Liam Gallagher, Foals, Editors), como na electrónica (The Chemical Brothers, DJ Snake, Armin Van Buuren, Timmy Trumpet), o pop (Jason Derulo) ou os sons latinos e urbanos (Bad Bunny, Daddy Yankee).