CRTVG

Buscar

Carmen Calvo, Nadia Calviño e Teresa Ribero ocuparán tres vicepresidencias

Publicado o 09/01/2020 22:43

• Podemos non sabía o da cuarta vicepresidencia

• O primeiro Consello de Ministros da coalición será o martes

• María Jesús Montero será a nova voceira do Goberno

• Celaá e Duque seguen; Guirao e Carcedo, relevados

O vindeiro martes 14 de xaneiro celebrarase o primeiro Consello de Ministros do novo Goberno, e un día antes os novos ministros tomarán posesión dos seus cargos e terán o tradicional intercambio de carteiras. Segundo informou A Moncloa, este domingo, 12 de xaneiro, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, comunicará ao Rei a composición do Goberno e comparecerá ante os medios de comunicación.

Catro vicepresidencias

O Goberno de coalición terá por primeira vez en democracia catro vicepresidencias. Tres ocupadas por mulleres do equipo de Pedro Sánchez e a cuarta polo líder de Podemos, Pablo Iglesias.

Moncloa confirmou que ás tres previstas se sumaba unha máis para afrontar a transición ecoloxíca e o reto demográfico da que se ocupara a ata agora ministra e experta en cambio climático Teresa Ribera.

Como xa transcendera Carmen Calvo ocupará a Vicepresidencia primeira, que inclúe as carteiras de Presidencia e Relacións coas Cortes e que agora suma competencias en materia de memoria democrática.

Nadia Calviño será a vicepresidenta encargada de coordinar a área económica do Goberno e o reto da transformación dixital. E Pablo Iglesias ocuparase da vicepresidencia social.
 

Podemos non sabía o da cuarta vicepresidencia

Podemos non coñecía a creación dunha cuarta vicepresidencia. Gardan silencio en público, pero en privado non ocultan o seu malestar. Aseguran que o acordo sobre programa de goberno co PSOE só incluía tres vicepresidencias e que en ningún momento da negociacion se falou dunha cuarta.

María Jesús Montero, voceira do Goberno

A Moncloa tamén fixo oficial este xoves os nomes dos catro ministros de Podemos que xa se filtraran hai dias. Irene Montero, en Igualdade; a galega Yolanda Díaz, en Traballo; Manuel Castellss, en Universidades e Alberto Garzón á fronte da carteira de Consumo. E confirmouse que Marías Jesús Montero será a voceira do Goberno e continúará como ministra de Facenda.

Seguen Duque e Celaá

A ministra de Educación e Formación Profesional, Isabel Celaá, e o ministro de Ciencia, Pedro Duque, manterán os seus cargos no próximo Executivo de Pedro Sánchez, segundo puido confirmar Europa Press.

Guirao e Cardedo non repetirán como ministros

José Guirao e María Luisa Carcedo non repetirán como ministros no novo Goberno de Pedro Sánchez, segundo informaron a Efe fontes do Executivo. Estas fontes confirmaron a saída do ata o de agora titular de Cultura e Deporte e da ministra de Sanidade, Consumo e Benestar Social, que esta tarde foron recibidos por Sánchez en Moncloa.