CRTVG

Buscar

O Estado espera que a Xustiza evite "o baleirado completo" do Pazo de Meirás

Publicado o 02/12/2020 10:56

• O avogado dos Franco alude á súa "boa fe" e entende que se debería acordar un prezo

O Estado espera que a Xustiza evite "o baleirado completo" do Pazo de Meirás

A antiga sede da Audiencia Provincial da Coruña acolle hoxe a vista sobre o recurso presentado polos herdeiros de Francisco Franco contra a medida cautelar que lles prohíbe mover bens do Pazo de Meirás mentres se realiza o inventario e antes do 10 de decembro, data fixada para a execución provisional da sentenza que ordena a devolución do pazo ao Estado.

O xefe da Avogacía do Estado en Galicia, Javier Suárez, defendeu o mantemento das medidas cautelares mediante un inventario do Pazo de Meirás e a constitución dun depósito xudicial de todos os bens que na actualidade existen no inmoble, salvo os persoais, asumindo o Estado a condición de depositario.

Na súa primeira intervención, o avogado do Estado explicou que ante a "posibilidade do baleirado completo" do pazo que podería supoñer unha diminución na entrega do inmoble, é "esencial" e "imprescindible" a realización dun inventario para "saber que elementos" hai.

Así e desde o punto de vista da adopción da medida cautelar de realización dun inventario, dixo que está "plenamente xustificada" e a "alarma que xera" a posibilidade de que se trasladen bens obrigou a prohibir este movemento, polo que considera que non se debe admitir tampouco esta oposición.

Tamén considerou "plenamente xustificado" que se pida un inventario en relación aos bens mobles "porque hai que analizar a extensión da obrigación de entrega", é dicir, o carácter dos bens e cales se incorporan ao inmoble para devolver.

Adhesión da Xunta, a Deputación e os concellos

Pola súa banda, o letrado da Xunta alegou que coas medidas dispostas "non se trata de discutir a posesión", senón de "evitar que a sentenza se incumpra".

Defendeu a realización do inventario de maneira que os demandados "non poidan trasladar nin retirar" os bens ata que a xuíza o determine, e tamén afeou aos herdeiros do ditador que "sen rubor" digan que a parte demandante, o Estado, "non ten dereito aos bens" que hai na propiedade.

Segundo o avogado, o "risco e alarma" que se corre é que os demandados "destinen ao seu antollo" o que se atopa no interior do pazo e "perder a pista" daqueles bens que deban permanecer no mesmo.

Avogou por "garantir a integridade" do ben e "coñecer real e eficazmente" o que hai dentro, polo que insistiu en que as declaracións dos demandados sobre a súa oposición á medida cautelar evidencia "a súa intencionalidade e risco" para o dereito de propiedade.

"Que o Pazo de Meirás non se  desmembre nin se desintegre permitindo aos demandados retirar o que hai dentro", avisou.

No Concello de Sada, apoiaron tamén a adopción de medidas cautelares relativas aos obxectos mobles que alberga o pazo, ao argumentaren que o cambio de posesión do inmoble implica o que hai no seu interior, tendo en conta que sostén que a maioría dos bens xa foron transmitidos co pazo.

A representación do Concello da Coruña entende que estas medidas están "plenamente xustificadas e son proporcionais", ao igual que a Deputación da Coruña, que se adhire ás alegacións da Avogacía do Estado.

"Un prezo razoable"

O avogado da familia Franco,  Antonio Eduardo Gil Evangelista, alegou que os bens que hai no interior do Pazo de Meirás, declarado Ben de Interese Cultural, non foron obxecto do litixio, e que "non só, en base a unha sentenza contra a que recorremos, os meus representandos se van ver privados dun inmoble que eles entenden que é seu; é que agora ademais preténdese tamén privalos da totalidade de uso, gozo e aproveitamento da totalidade dos bens que hai no interior do Pazo de Meirás a raíz de argumentos que consideramos totalmente improcedentes".

Segundo dixo na vista, a familia de Franco "procedeu de boa fe" porque amosou a súa disposición a cumprir a sentenza que ordenou a devolución do Pazo. E engadiu que "están dispostos a permitir que os bens mobles queden dentro sempre a partir dun acordo minimamente razonable", acordo que segundo concretou sería mediante "o pagamento dun prezo razoable, aínda que sexa simbólico".