CRTVG

Buscar

O esencial do debate, en 9 minutos

Publicado o 30/06/2020 15:13

O debate a sete da Galega marca o pulso da campaña. O candidato á reelección defendeu xestión e experiencia en tempo turbulentos. 

Tres forzas xuntas, o PSOE, BNG e Galicia en Común, aspiran a superalo nas urnas, baseándose nas sondaxes, e no plató amosaron sintonía e disposición para editar un tripartito.

A Marea Galeguista, Cs e Vox buscaron darlles a volta ás previsións, que os deixan fóra do Parlamento de Galicia.

O debate estivo organizado por temas. Cando se trataron os pactos, os grupos de esquerda amosáronse dispostos a formar goberno, se suman dabondo o día 12 de xullo. Tanto o PSdeG coma o BNG reivindicaron para sí o liderato dese eventual executivo.

Mentres, Núñez Feijóo advertía do risco dun multipartito con ata 10 partidos, dixo, e erixiuse en garantía de estabilidade.

Pero houbo máis, nun debate que foi vivo e dinámico. Houbo tirapuxas entre os candidatos que fixeron subir a tensión. 

Na xestión da Covid, Feijóo defendeu que o seu goberno se anticipou á crise sanitaria, e que loitou por cada vida. Mentres, os grupos da esquerda acusárono da privatización das residencias. A xestión do Goberno central estivo só no punto de mira de Ciudadanos e de Vox.

No bloque de política social falouse de sanidade e educación, pero moi especialmente dos maiores. E, en concreto, dos centros de día. Varios grupos pediron a súa inmediata apertura. O candidato do PP di que aínda non estamos en condicións. 

Vox asegurou que a crise da Covid nos ensinou que é mellor unha xestión centralizada da sanidade. 

As diferenzas entre os dous bloques mantivéronse ao longo do debate, pero quedaron moi patentes cando houbo que falar de receitas económicas para afrontar a crise. E aí, un nome propio, Alcoa. 

Noticias web

30/06/2020