CRTVG

Buscar

O ERTE das fábricas do Xallas comezará o 24 de setembro e afectará todo o persoal

Publicado o 17/09/2020 19:51
O ERTE das fábricas do Xallas comezará o 24 de setembro e afectará todo o persoal

A empresa que xestiona as antigas fábricas de Ferroatlántica na Costa da Morte activa o ERTE que tiña aprobado dende 2019. Xallas Electricidade e Aliaxes aplicará o expediente de regulación temporal de emprego a todo o persoal das plantas de Dumbría e Cee. Entrará en vigor o vindeiro 24 de setembro e afectará máis de 200 persoas. Segundo a compañía, o motivo principal é a caída da demanda dende principios de ano e a situación do mercado siderúrxico, agravada pola pandemia.

A CIG denuncia que, con esta medida, a nova empresa (agora denominada Xeal, nome que lle deu o grupo a través do cal opera o fondo TPG, que foi o comprador das plantas) "profunda no desmantelamento progresivo" de Cee e Dumbría. Critica que o ERTE foi negociado con Ferroatlántica "hai 19 meses". "Nin sequera foi negociado coa actual representación social", incide."

Segundo a CIG, os novos propietarios "seguen sen realizar os investimentos comprometidos" e plántanas están "nun ridículo 10% da súa capacidade produtiva". Neste contexto, acusa a Xunta de "pasividade" e ínstaa a convocar o comité e a esixir á empresa o plan de viabilidade ao que obrigan as cláusulas das concesións administrativas das centrais.

Noticias web

17/09/2020