CRTVG

Buscar

O equipo pediátrico do HULA decidirá o momento para trasladar o bebé a Madrid

Publicado o 23/08/2019 17:42


Hoxe fai unha semana do ingreso por urxencias do bebé de dous meses presuntamente maltratado polos seus pais. O meniño continúa na Unidade de Neonatos e o seu estado segue a ser estable dentro da gravidade. O pequeno ingresaba con lesións graves en ollos e oídos, así como múltiples contusións polo corpo. A súa delicada situación fai que de momento non haxa unha data para o seu traslado ao hospital da Paz en Madrid para ser operado dun desprendemento de retina. Será o luns cando o equipo pediátrico que o atende avalíe de novo a situación. Eles son os que teñen que dar o visto e prace a ese traslado. O meniño está baixo un protocolo de vixilancia permanente, e é a Xunta quen autoriza todas as xestións médicas e as probas que precisa, ao ter a Administración a tutela do menor.

Na vivenda familiar en que o neno vivía cos seus pais rodeados de lixo, remataron os labores de limpeza e desinfección. Nas últimas horas o xulgado autorizaba o desprencintado do inmoble e a Policía entregáballes as chaves aos pais. Os proxenitores pasaron xa esta noite na vivenda, despois de pasar as anterirores dende que foron detidos no albergue municipal. A vivenda está limpa pero carece de luz e auga. Chamamos á porta pero ninguén abre ao outro lado, tampouco se escoita nada. Os veciños seguen incrédulos ante o sucedido, algúns deles mesmo increparon os pais cando volveron ao inmoble. Para evitar novos incidentes a Policía aumentou a vixilancia na zona do inmoble.

Lembremos que os pais están en liberdade con cargos, están acusados dun delito de violencia doméstica e abandono familiar.

Noticias web

23/08/2019