CRTVG

Buscar

O Entroido de Verín explosiona coa noite de Comadres

Publicado o 21/02/2020 09:23

É tal a magnitude da xolda das comadres de Verín que case resulta difícil dar conta dela a estas horas da mañá. Aínda que de seguro queda algunha comadre sen ir para a cama. Os ingredientes xa os coñecen: cocidos, charangas, disfraces e cigarróns. O resto obra, case por arte de maxia. O Entroido converte cada Xoves de Comadres, desde hai máis de 30 anos, na noite máis especial do ano.  

De entre o mundo enteiro, hai quen ten claro que non existe festa como a noite de Comadres de Verín. Case cómpre un picadiscos, a estas horas da mañá, para facer as mesturas do repertorio das charangas. Vimos rapazas yeyé, bastante mocidade dos 'Felices anos 20', indíxenas da tribo de Xerónimo, e tamén, é verdade, que un chisquiño de licor café.

Bailes entre bocado e bocado, para nutrir corpo e espírito, que a festa máis grande do ano hai que recibila ben. Diso encárganse os cigarróns, ás portas da casa de Elena, a raíña, cada vez reinando máis, e estendendo os seus dominios xa moi por fóra da comarca de Monterrei.

Así que, carautas e chocas a punto, que o Entroido chegou para explosionar esta fin de semana. E un segredo: non perdan de vista a capital da Burgas, que así polo caladiño, en Ourense levan varios anos celebrando tamén a noite das comadres. E non lles falta detalle.

Noticias web

21/02/2020