CRTVG

Buscar

O empeño da sociedade civil recobra un ben arrebatado pola ditadura nun acto de mala fe

Publicado o 10/12/2020 15:27

A escritora Emilia Pardo Bazán encargou construír o pazo de Meirás en 1893. E fixo da torre da Quimera, a máis alta, o seu lugar de traballo.

"Foi deseñado por ela, un edificio deseñado por mulleres, para mulleres, vinculado a unha figura das letras", di o historiador Manuel Pérez.

Na ditadura, as autoridades apropiáronse do pazo entregáronllo a Franco como residencia de verán, inscribindo o inmoble ao seu nome nun acto de mala fe, segundo recolle agora a sentenza xudicial.

Pérez di que é un día histórico que chega tarde porque hai xente que padeceu durante décadas o sufrimento de ver este símbolo da impunidade e que non chegou a vivir o día de hoxe.

Antes deste día hai moito traballo detrás. Da sociedade civil galega. Asociacións que levan máis dunha década reclamando o Pazo e explicando que non fora un agasallo, que fora un espolio.

"A batalla que iniciamos hai 14 anos desde a Comisión pola recuperación da memoria histórica, daquela cando apareciamos coa pancarta da devolución ninguén daba un peso porque iso fose posible", di Manuel Monge.

Tamén reclamou o pazo o Parlamento galego por unanimidade en 2018.
Agora ampliaranse as visitas e explicarase toda a cultura e a historia que alberga contando a verdade do paso de Franco.

A entrega do pazo marca un antes e un despois. E pode abrir un camiño para recuperar o resto de bens incautados pola ditadura.

Noticias web

10/12/2020