CRTVG

Buscar

Galicia despídese esta noite dos pubs e discotecas

Publicado o 15/08/2020 17:55

• As novas restriccións no ocio nocturno e na hostalería entrarán en vigor ás 12 da noite deste domingo | Consulta a Orde no DOG

O Diario Oficial de Galicia publicou esta tarde a Orde da Consellería de Sanidade para incorporar as medidas adoptadas no Acordo do Consello Interterritorial de Saúde. Terá efectos desde as 00.00 horas do 17 de agosto de 2020.

Tabaco

A prohibición de fumar en espazos públicos e terrezas se non hai dous metros de seguridade tamén "será aplicable para o uso de calquera dispositivo de inhalación de tabaco, pipas de auga, cachimbas e asimilados".

Reunións privadas

Recoméndase o uso de máscara, no caso de reunións ou de posible confluencia de persoas non conviventes, así como o mantemento da distancia de seguridade interpersoal e a aplicación de medidas de hixiene.

Consumo dentro de locais

A ocupación máxima será de dez persoas por mesa ou agrupación de mesas. A mesa ou agrupación de mesas que se utilice para este fin deberá ser acorde co número de persoas e permitir que se respecte a distancia mínima de seguridade interpersoal entre elas.

Horario da hostalería

Os establecementos de hostalaría e restauración deberán pechar non máis tarde da unha da mañá sen que poida permitirse o acceso de ningún cliente desde as 00.00 horas.

Discotecas

Discotecas e resto de establecementos de lecer nocturno deberán permanecer pechados. A medida será de aplicación tanto respecto do interior dos locais coma das terrazas destes establecementos.

Centros sociosanitarios

A consellería competente en materia de política social, de maneira coordinada coa consellería competente en materia de sanidade, determinará as medidas específicas que deberán adoptarse nos centros sociosanitarios respecto da realización de probas PCR, réxime de visitas e de saídas.

Recomendacións

a) restrinxir os encontros sociais fóra do grupo de convivencia estable e

b) limitar os encontros sociais a un máximo de dez persoas.

Un peche que chega mes e medio despois de reabrir
 

Foron os primeiros confinados e os derradeiros na desescalada. Mes e medio despois, o ocio nocturno volve pechar as súas portas.

Discotecas, salas de baile e bares de copas clausurados desde as doce da noite do domingo 16 de agosto. Toda a hostalería deberá estar pechada á unha da mañá e os establecementos non poderán admitir clientes novos despois da medianoite. A Federación de Hostalería de Pontevedra estuda denunciar na xustiza esta nova clausura cando as medidas para a apertura estaban, aseguran, dando bos resultados.

O ocio nocturno xera 200.000 postos de traballo directos en España e en Galicia, toda a hostalaría supón 130.000 empregos.