CRTVG

Buscar

O disparo dun rifle mata unha vaca nunha explotación de Nogueira de Ramuín

Publicado o 15/01/2019 14:31

O disparo dun rifle acabou coa vida dunha vaca nunha explotación de Nogueira de Ramuín. A Garda Civil e o dono do animal sospeitan que foi un tiro fortuíto efectuado por cazadores furtivos que andaban de noite na zona. Pero a cousa puido ser moito peor: o gandeiro estaba alí no mesmo lugar, a penas media hora antes do disparo.

A vaca, de nome Castaña, durmía pracidamente nesta carballeira onde Gerardo garda o gando para pasar a noite. O proxectil perforou o duro coiro do colar e penetrou no pescozo da res, causando unha ferida mortal. O veterinario non foi quen de atopar a bala, que non fixo orificio de saída. O propietario do animal cre que o disparo non foi intencionado. Sospeita que se debeu a un tiro fortuíto procedente da arma dun cazador furtivo dos que adoitan andar pola zona.

A Gerardo preocúpalle a presenza de cazadores, xa que desta ocasión foi unha vaca, pero puido ser el, xa que media hora antes estaba a carón do gando.

A explotación queda agora con 18 cabezas. Castaña tiña tres anos e pesaba seiscentos quilos. Deixa un xato de dous meses e viña outro en camiño. O seguro non cobre a súa morte.

Unha empresa especializada veu recoller esta mañá o animal, que será incinerado. Por agora non hai pistas que conduzan ata o seu verdugo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

15/01/2019