CRTVG

Buscar

Prisión provisional para o detido como autor do crime de Oza-Cesuras

Publicado o 19/01/2021 15:16

Prisión provisional comunicada e sen fianza para o detido como autor do crime de Oza-Cesuras. Está investigado polos delitos de asasinato e tenza ilícita de armas. É o que decretou a titular do Xulgado de Instrución número 2 de Betanzos tras prestar declaración por videoconferencia desde o CHUAC, onde permanece ingresado.

Para o caso de que fose posto en liberdade, a xuíza acordou tamén unha orde de afastamento con respecto ao marido e ao fillo da vítima.

O detido polo crime de Oza-Cesuras é un home de 51 anos, veciño de Culleredo, que coñecía a vítima, segundo informou a Benemérita.

Sobre os feitos, explica que arredor das 19:05 horas do venres se recibiu unha chamada procedente do 112 no Centro Operativo Complexo (COC) da Comandancia da Garda Civil da Coruña. Nela, informábase que, segundo comunicaba un veciño, na localidade de Porzomillos, en Oza-Cesuras, estaba unha muller inmóbil no chan cun forte golpe na cabeza e un gran charco de sangue ao seu arredor.

Informaba ademais que, tras achegarse ao lugar, concretamente ás proximidades da vivenda onde ocorreron os feitos, sita en Vilar de Costoia, Porzomillo, Oza-Cesuras, observara "que un home, de complexión grosa e cun chaleco reflector, saíra de forma apresurada da vivenda". Esta incidencia, explica a Garda Civil, xa fora notificada aos servizos de urxencias, que mobilizaron unha ambulancia. A Benemérita notificábao a patrullas de servizo próximas ao lugar.

Á súa chegada, confirmouse o falecemento da muller, C. N. T., de 33 anos, residente nese domicilio. As primeiras informacións solicitadas das testemuñas referían ver un home de complexión forte que vestía un chaleco reflector cando saltaba o enreixado da leira do domicilio. Tamén que emprendera a fuxida por un carreiro próximo á casa e que coxeaba de forma notoria, apunta a Garda Civil.

Inmediatamente, engade, dispúxose un operativo de busca polas inmediacións, e conseguiuse, ao cabo dun dez minutos, localizar un home de 51 anos, veciño de Culleredo, de características físicas coincidentes coas relatadas polas testemuñas. O home estaba oculto nunhas matogueiras, con abundantes manchas de sangue na roupa.

"Nun primeiro momento tentou despistar os axentes indicando que se atopaba paseando pola zona e se lesionara nun pé", apunta a Garda Civil, que afirma que, despois de que lle preguntasen pola súa relación co falecemento da muller, entrou en parada cardiorrespiratoria.

A requirimento dos axentes, persoal do 061 procedeu á súa reanimación e trasladouno ao complexo hospitalario da Coruña xa en calidade de detido e custodiado por unha patrulla. Permaneceu ingresado en observación ata estes momentos, tanto pola súa doenza cardíaca como debido ao traumatismo nun pé.

Sobre a investigación, a Benemérita sinala que "as primeiras noticias apuntaban á posibilidade dun roubo no domicilio". Con todo, engade que, conforme avanzou, pescudouse que arredor das 18:50 horas, a vítima gritara pedindo axuda, cando se atopaba xunto co autor na leira da vivenda. A partir de aí, indica, "tería lugar unha secuencia de feitos tanto no exterior como no interior da vivenda cuxo desenvolvemento aínda está pendente de esclarecer, que finalizou co falecemento da vítima e a fuxida do presunto autor".

"Diversos aspectos que rodeaban a comisión dos feitos e a análise dos indicios que se ían achando facían declinar a hipótese dun posible roubo na vivenda cara a outro tipo de motivacións", apunta a Benemérita sobre a hipótese inicial. Respecto da causa da morte da muller, indica que, tras acudir a autoridade xudicial para o levantamento do cadáver, o forense inspeccionou o corpo e confirmou como causa un disparo con orificio de entrada na parte posterior do cranio.

Por outra banda, explica que durante a inspección do lugar dos feitos, a uns metros do lugar onde xacía o corpo, foi atopado un cartucho do calibre nove milímetros curto.

Como entre as súas pertenzas o detido non portaba ningunha arma, á mañá seguinte dispúxose un operativo de procura e conseguiuse localizala no interior dunha bolsa de plástico que o presunto autor supostamente semienterrara xunto co chaleco reflector, uns grillóns, unha cadea metálica de varios metros de lonxitude, uns cadeados e varios cartuchos.

A uns 700 metros do domicilio da vítima encontrouse o vehículo propiedade do sospeitoso, o cal se interveu para unha posterior análise e foi trasladado a dependencias da Garda Civil da Coruña.

"A través das xestións e declaracións testificais practicadas ata o momento, aínda non se pode afirmar a motivación que impulsou o presunto autor a cometer os feitos", sinala a Garda Civil, que engade que se tivo coñecemento de que a vítima e o autor se coñecían e confirma que se investiga "a dita relación".

Canto á arma, apunta que vai ser remitida ao departamento de balística do laboratorio da Garda Civil "ao obxecto de que emita un informe sobre o seu funcionamento ou as manipulacións que puido sufrir para facela operativa tendo en conta que consta como inutilizada". Tamén engade que o seu titular descoñecía que lle faltaba do domicilio onde a tiña gardada.