CRTVG

Buscar

O Deportivo e o Rácing de Ferrol empatan a un gol nun amigable en Viveiro

Publicado o 27/07/2019 21:40

Anquela aproveita a pretemporada para buscar os sinais de identidade do seu Deportivo. Ante o Rácing de Ferrol viuse un equipo que intenta ter a posesión pero os departamentais presionaron arriba para tentar saír con velocidade. E no primeiro tempo funcionoulles, as mellores ocasións foron para os ferroláns. Intentouno Dani Abalo, contestou Cristian Santos cun disparo ao longueiro. Borja Valle non aproveitou o centro de Eneko Bóveda e, cara o final do primeiro tempo, Koke Vegas evitou o tanto de Marcos Álvarez e logo foi Juan Antonio o que topou co porteiro cedido polo Levante.Pero no 44, nada puido facer. Álex López, que volve ao Rácing esta temporada, sacou o córner e Juan Antonio fixo o 0-1. Empatou Borja Valle no segundo tempo, nunha contra superou a Chema Leobalde, aproveitou o pase de Koné, que entrara por Cristian Santos no primeiro tempo. O venezolano marchou con molestias nun tendón, pendente de evolución nos vindeiros días. Así que o Trofeo 25 aniversario da Peña Deportivista de Viveiro decidiuse nos penaltis. Houbo que lanzar 13 por cada equipo e Gandoy errou o seu segundo tiro. Moitas cousas que analizar por parte de Anquela.

Noticias web

27/07/2019