CRTVG

Buscar

O Deportivo comeza con nove sesións e moitas dúbidas no cadro de xogadores

Publicado o 23/08/2020 15:02

Aínda se escoitan os ecos do último partido de liga, pero o Deportivo xa vai comezar a adestrarse, e intensamente, con vistas a unha nova estrea.

Realizados os controis médicos este venres, hoxe o club anunciou a planificación semanal de Fernando Vázquez e debuxa un inicio de pretemporada típico e esixente: con nove sesións de traballo para esta primeira semana na cidade deportiva de Abegondo. Tres días de adestramento dobre e descanso só o domingo.

O adestrador contará inicialmente con 15 futbolistas do primeiro equipo, pero algúns deles con continuidade incerta se saen en Segunda B: casos de Michele Somma, Uche Agbo, Keko Gontán ou Claudio Beauvue.

Riazor prepárase para a categoría de bronce 40 anos despois, a non ser que chegue a tempo a resposta ás reclamacións do club ante as instancias deportivas. Pendente está a resolución do caso Fuenlabrada: posible descenso e que sucedería con esa praza. E, por outra banda, o Deportivo e o Numancia teñen solicitada a suspensión do inicio da temporada, ata que o Consello Superior de Deportes determine o número de equipos en Segunda.

Noticias web

23/08/2020