CRTVG

Buscar

O decreto de xurros do Ministerio de Agricultura provoca críticas entre o sector gandeiro

Publicado o 19/10/2020 19:54

Roberto López mercou hai dous anos un robot de muxidura e instalou rede metálica nas leiras do millo. A eses investimentos tenlle que engadir agora a compra do equipo de inxección de xurros que precisa para cumprir cos criterios do Ministerio de Agricultura na súa decisión de reducir as emisións de amoníaco.

Dende o sector gandeiro sinalan que as granxas de vacas non son as que máis contaminan, senón as de porcos, e que a orografía de moitas comarcas leiteiras galegas fai imposible traballar con eses equipos de inxeción que, ademais, teñen un custo que pode ser de 20.000 euros.

"Que penalicen a quen estea facendo mal as cousas. Pero os que levamos toda a vida tentando cumprir coas normativas non se nos pode vir agora con esta esixencia" di Roberto López, gandeiro e membro de Agromuralla.

As fosas de xurro baléiranse unha media de tres veces ao ano e son o principal fertilizante para a produción de forraxes. Coa nova PAC xa non se poderán usar os sistemas tradicionais de prato ou abano e haberá que mercar maquinaria nova nun momento en que o leite volve vivir unha baixada de prezos en orixe.

"Se o Ministerio de Agricultura paga cada seis meses a Unión Europea 20 millóns de euros por incumprir esta norma, eu creo que con eses 40 millóns anuais daba para financiar sistemas de inxeción de xurros".

O decreto afecta as explotacións de carácter intensivo, que son maioritarias, porque nas extensivas son as vacas as que depositan os xurros directamente nas leiras.

Noticias web

19/10/2020