CRTVG

Buscar

O decreto das electrointensivas prevé bonificar o 85% dos custos da factura das industrias

Publicado o 10/02/2020 19:35

O Goberno central presentará mañá o estatuto das electrointensivas, pero hoxe xa llelo avanzou aos sindicatos. Un estatuto do que están moi pendentes os traballadores de industrias como Alcoa en Galicia. O Goberno pretende bonificar un 85 por cento as facturas das industrias grandes consumidoras de enerxía ao que habería que engadir as compensación por emisións de CO2. O obxectivo é que poidan competir en igualdade de condicións coas empresas europeas.
Con todo, os sindicatos non están moi satisfeitos con este estatuto.

Novas partidas de 90 millóns en axudas

O Real Decreto Estatuto do Consumidor Electrointensivo, cuxo borrador iniciará este martes o seu período de consulta co obxectivo de que vexa a luz no mes de marzo, despois de case un ano de espera polo sector, garantirá á grande industria unha nova partida de 90 millóns de euros para compensar os cargos na súa factura eléctrica destinados a financiar as renovables, coxeración de alta eficiencia e extracusto de territorios non peninsulares.

Así mesmo, incorpora a creación dun mecanismo de cobertura para o impulso dos contratos compravenda de enerxía a longo prazo ('PPA', polas súas siglas en inglés), co obxectivo de abaratar os custos enerxéticos dos grandes consumidores. Esta partida de 90 millóns de euros complementará a compensación polas emisións de CO2, que ascende actualmente a uns 172 millóns de euros en 2019 tras ampliarse no último exercicio, e que se manterá dentro das medidas do novo estatuto. En concreto, esta nova compensación para os consumidores electrointensivos será por ata o 85% do sobrecusto pola retribución ás renovables (primas), que correrá con cargo aos orzamentos do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio.

O borrador, que establece as bases para a súa concesión, fixa un mecanismo transitorio para calcular o importe de cargos que está a pagar de forma efectiva cada consumidor e así poder compensarllos, en tanto se fixan os cargos da factura eléctrica. Nun encontro coa prensa, fontes do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e do Ministerio para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico indicaron que a dotación total que se garante á grande industria, que está, iso si, condicionada á aprobación duns novos orzamentos xerais do Estado ( PGE), será "superior" á que había ata o de agora.

Os orzamentos actuais recoñecen esa partida de 172 millóns de euros en compensación polas emisións de CO2, unha cifra que mesmo podería ser superior tamén só neste apartado debido ao incremento a futuro no prezo do CO2. Iso si, as fontes gobernamentais advertiron de que esta proposta de estatuto, que así superaría as posibles trabas por parte de Bruxelas, é "a mellor" e "única posible". "Levamos máis de ano e medio traballando, e tras unha longa negociación, especialmente a nivel comunitario, o resultado final é o único posible. O que nos permite levar ao máximo o marco comunitario é o que está aquí", sinalaron.

Reaccións dos sindicatos

"Segue sendo insuficiente porque segue ligándose a aspectos que non teñen ver coa tarifa eléctrica se non con medidas compensatorias. Tampouco non vemos que haxa as garantias de emprego necesarias que se lles esixe ás empresas para poder beneficiarse do Estatuto Electrointensivo", di Paulo Carril da CIG.

"Non vai cumprir todo o que queríamos pero o secretario xeral de Industria di que é o posible tendo en conta a capacidade orzamentaria e que, polo tanto, pensamos que vai conseguir que en prezo poidamos competir, pero claro, iso está por ver", asegura Antonio Deusa de UXT.

"Máis alá de que as empresas teñan as súas compensacións nós sempre esiximos que todo este tipo de compensacións vaian cun compromiso de emprego", explica José Manuel Casado de CCOO.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

10/02/2020