CRTVG

Buscar

O CXPX debate se Dolores Delgado é idónea para ser fiscala xeral do Estado

Publicado o 16/01/2020 08:23

O pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial reúnese esta tarde para avaliar a proposta do Goberno de nomear fiscala xeral do Estado a ex-ministra de Xustiza Dolores Delgado. Desde o Executivo pechan filas sobre este nomeamento que é cuestionado tanto pola oposición como boa parte da carreira fiscal. 

Augúrase un intenso debate entre os vocais do Consello Xeral do Poder Xudicial sobre a idoneidade da ex-ministra para ser a fiscala xeral do Estado.

O órgano de goberno dos xuíces, de maioría conservadora, debe emitir un informe que será preceptivo, pero non vinculante. Revisarán, basicamente, se a candidatura de Dolores Delgado cumpre os requisitos legais. Pero o que realmente se vai discutir é a súa imparcialidade para exercer o cargo procedendo do Goberno.

Desde o propio Executivo valoraban nos últimos días ese nomeamento como impecable. O vicepresidente Pablo Iglesias salientaba nas últimas horas que a ex-ministra pediu perdón polo encontro co ex-comisario Villarejo e que merece unha oportunidade para demostrar que o Ministerio Público actúa con principios de autonomía.

Desde Unidas Podemos, din que o currículum de Delgado a avala.

Desde a oposición, crítica férrea a ese nomeamento. Partido Popular, Vox e Ciudadanos acusan o presidente do Goberno de querer controlar o poder xudicial desde o executivo.

Os socialistas critican que a dereita poña en cuestión a separación de poderes.

Desde Esquerra defenden a designación da ex-ministra para o cargo. Gabriel Rufián pedía darlle unha marxe de confianza a Delgado para que poida haber a partir de agora unha Fiscalía, dixo, decente e xusta.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

16/01/2020