CRTVG

Buscar

Telexornal Serán

O cumio do G-7 celébrase en Canadá entre fortes polémicas e tensións entre Trump e os seus aliados

Publicado o 08/06/2018 21:20


O Canadá acolle o cumio G-7 marcado pola guerra comercial que iniciou Trump contra os seus aliados, e tamén polo cambio climático e a política exterior. O Goberno estadounidense, apoiado polo italiano, pediu que Rusia volvese formar parte desta cita, pero a UE respondeu hoxe en negativo.


Respírase tensión en La Malbaie, a cidade canadense que acolle un dos cumios con maior relevancia dos países máis industrializados do mundo, o G-7, co primeiro ministro do Canadá, Justin Trudeau, e a súa muller, como anfitrións. Desta volta tinguido de pesimismo e na rúa, unha chea de protestas.

As últimas decisións sobre aranceis comerciais anunciadas polo presidente estadounidense de Donald Trump, recibiron duras e rotundas respostas, tanto do seu homólogo francés coma do primeiro ministro canadense. Os dous advertiron que están dispostos a asinar acordos entre seis países e deixar fóra os Estados Unidos.

Non é a única polémica que protagoniza o mandatario da Casa Branca. Trump pediu tamén que Rusia volva formar parte deste grupo, tras a súa expulsión despois da anexión da península de Crimea.

O primeiro ministro italiano, Giuseppe Conte, apoiaba a súa petición, pero esta mesma tarde o presidente do Consello Europeo desbotou esa posibilidade e mesmo acusou a Trump de querer mudar a orde internacional.

Telexornal Serán

08/06/2018