CRTVG

Buscar

O coronavirus xa está presente en toda América, onde avanza a transmisión local

Publicado o 24/03/2020 07:13
O coronavirus xa está presente en toda América, onde avanza a transmisión local

América confirmou este luns a presenza en todo o continente do coronavirus, tras rexistrarse o primeiro caso en  Belice, mentres a rexión avanza na fase de transmisión comunitaria, con casos de contaxio local na Arxentina, Brasil, Canadá e tamén nos Estados Unidos.

Belice, ata o momento o único país de América libre do novo coronavirus COVID-19, confirmou este luns o seu primeiro caso positivo. Por esa razón, o Executivo decidiu declarar un estado de emerxencia de 72 horas para o Cayo Ambergris e pechar todos os restaurantes, bares e casinos.

Con isto, América rexistra xa polo menos 48.000 contagios e máis de 600 mortes. Este luns confirmouse, ademais, o primeiro caso de transmisión local do virus na Arxentina.

Fase de transmisión local

Arxentina, onde hai 266 contaxios e catro mortes, informou da detección do primeiro caso que non ten antecedentes de viaxe ou de contacto estreito con outro infectado; as autoridades sinalaron que con el se marca o inicio da transmisión local ou comunitaria.

O mesmo considera o primeiro ministro do Quebec, Francois Legault, quen alertou de que os datos nesa zona sinalan que a enfermidade ten agora propagación comunitaria e non a partir de persoas que chegan á provincia canadense procedentes do estranxeiro.

O Canadá informou este luns de que o número de casos se disparou en 24 horas e supera agora os 2.000, con 24 mortes. Iso levou ás dúas principais provincias do país, Ontario e Quebec, a ordenar o peche de todas as empresas que non son esenciais.

O pasado venres, o Brasil tamén declarou que o virus xa se transmite de forma local no país, que alcanzou xa os 1.891 contaxios e totaliza 34 falecidos.

Nesa fase xa entraran os Estados Unidos, onde as autoridades sanitarias confirmaron o primeiro caso de contaxio local a finais de xaneiro.

Continúan aumentando os casos

Os Estados Unidos seguían rexistrando este luns o maior número de casos (uns 43.000) e de mortes (533) do continente. Iso levou ás autoridades a obrigaren o confinamento de case a metade da poboación do país, no medio da alerta pola aceleración de contaxios.

"Esta semana, as cousas vanse poñer moi mal. Realmente temos que quedar na casa", advertiu o director xeral de Saúde Pública dos EUA, Jerome Adams.

De feito no estado de Nova York, epicentro da pandemia nos EUA e onde hai 157 mortos, os casos ascenderon case un 38 % nun día, ata 20.875 (un 50 % de todo o país), algo que o Goberno local atribúe ao aumento das probas diagnósticas.

A mesma razón foi exposta por Chile, onde se confirmou unha morte e 746 contaxiados, o cal mantén en cen a media de alza diaria de casos.

Urxen a quedar na casa

As autoridades de Honduras, onde hai 27 contaxiados e onde se considera o asunto de “seguridade nacional”, advertiron hoxe dunha posible "catástrofe" similar á que viven Italia e España se a poboación non queda na súa casa.

Costa Rica, que contabiliza ata este luns 158 casos de coronavirus, tamén insiste no illamento social e por tanto anunciou o peche de todas as praias do país e mais a restrición para a circulación de vehículos a partir deste martes entre as 22:00 e as 05:00 hora local.

Perú, entrementres, cumpriu unha semana de corentena ordenada polo Goberno para combater a epidemia de coronavirus. A enfermidade actualmente afecta a 395 persoas e causou cinco mortes nesa nación.

Tamén se cumpriron sete días do estado de excepción en Ecuador, onde nese período os contaxios pasaron de 37 a 981 e as mortes ascenden a 18, a maioría na provincia de Guayas, no suroeste, onde apareceron os primeiros brotes hai xa máis de tres semanas.

Pola súa banda, México, con 316 casos positivos e dous falecementos, arrincou este luns a Xornada Nacional de Sa Distancia, que ata o 19 de abril insta á suspensión temporal de actividades non esenciais, á reprogramación de eventos masivos e á permanencia da xente nas súas casas.

O Paraguai anunciou, así mesmo, un reforzamento dos controis policiais para que se respecte a corentena sanitaria no país, onde hai un morto e 20 casos confirmados da enfermidade.

No Uruguai non se descarta unha corentena total, unha medida que o expresidente Tabaré Vázquez considera que deberá aplicarse "inevitablemente" para evitar o avance do COVID-19, do que hai 158 casos positivos no país.

As restricións ante o coronavirus incluíron a suspensión de clases no 95 % das escolas de Latinoamérica e o Caribe. Iso afectou ao 95 % dos 154 millóns de estudantes de preescolar, primaria e secundaria da rexión, de acordo con estimacións presentadas por Unicef.

Para o director para América Latina e o Caribe de Unicef, Bernt Aasen, a situación do COVID-19 xerou unha "crise educativa sen precedentes na historia recente" da rexión.

Alarma por recesión

No medio da emerxencia sanitaria, o Fondo Monetario Internacional (FMI) e o Banco Mundial (BM) advertiron este luns da recesión mundial que se aveciña, que podería ser peor que a pasada, e fixeron un chamamento á unidade e á solidariedade mundial.

O duro efecto na economía motivou precisamente un anuncio extraordinario da Reserva Federal dos EUA, que adquirirá de forma ilimitada bonos do Tesouro e títulos apoiados por hipotecas para "manter un funcionamento normal dos mercados e unha execución efectiva da política monetaria".

Mentres, no Brasil, o presidente Jair Bolsonaro tivo que dar marcha atrás na súa medida de permitir aos empresarios non pagar aos seus empregados ata catro meses, ante unha enxurrada de críticas.

O número de casos globais de coronavirus causante do COVID-19 ascende a 334.981 en todo o mundo, mentres que os falecementos totalizan 14.652 desde o inicio dunha epidemia que empezou na China e que se converteu en pandemia.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí