CRTVG

Buscar

O coronavirus impacta no mercado laboral, cun descenso do 26,5 % na contratación en marzo

Publicado o 20/04/2020 09:49

• Os 1,256 millóns de contratos asinados supoñen a cifra máis baixa deste mes desde 2014

• A contratación temporal, o 88 % do total, é a que máis acusa a caída

O coronavirus impacta no mercado laboral, cun descenso do 26,5 % na contratación en marzo

O pasado marzo asináronse 1.256.000 contratos no mercado laboral español, o cal supón un descenso do 26,5 % fronte ao mesmo mes do ano pasado ou case 500.000 acordos laborais menos, lastrados polo impacto da COVID-19, que deixou a menor cifra de contratación para este mes desde 2014.

O mercado español caracterízase por unha considerable cifra de contratos selados cada mes, a maioría deles temporais, que foi aumentando nos anos da recuperación ao fío dunha maior actividade económica pero tamén da elevada precariedade e rotación do mercado. Do total de contratos asinados en marzo, 1,1 millóns foron temporais, preto do 90 por cento.

Tras anos de incrementos, a cifra de marzo deste ano supón a menor para este mes desde 2014, cando se asinaran 1.217.000 contratos.

Tamén son caídas considerables fronte a xaneiro e febreiro deste ano, que adoitan ser peores meses para o emprego. Fronte a febreiro o descenso foi do 21 por cento e do 28 por cento con respecto a xaneiro.

As cifras reflicten o impacto da COVID-19 no mercado laboral: normalidade na primeira metade dun mes que adoita ser bo para o emprego e parada na segunda pola pandemia do coronavirus.
A estatística de contratos do  SEPE non detalla a sinatura por días, pero no Goberno xa anticiparon que a cifra do mes rompía a tendencia con que se iniciou marzo, xa que só entre o 1 e o 9 de marzo se rexistraron 531.478 contratos, 3.848 máis que os do primeiros nove días de marzo do ano anterior.

Tamén se aprecia un maior descenso nos contratos temporais fronte a outros meses, xa que este tipo de emprego, como adoita ser habitual, sofre de forma máis acusada as crises.

Maior destrución do emprego temporal

De feito, nos datos de marzo de Seguridade Social reflectíase a maior destrución de emprego temporal, con dous de cada tres empregos destruídos en marzo pola pandemia da COVID-19, que eran deste tipo. O descenso da ocupación en contratos temporais caía así un 14,47 % fronte ao 1,74 % da indefinida.

O pasado marzo asináronse 1,1 millóns de contratos temporais, un 27,4 % menos que no mesmo mes do ano pasado. Deles, o 40 % tiñan unha duración inferior a un mes. Os 145.393 contratos indefinidos asinados supoñen un descenso do 19,5 por cento respecto de hai un ano.

Os datos de marzo tamén lastran a evolución de todo o primeiro trimestre do ano, que termina así cun descenso do 10 %, ata os 4,6 millóns de contratos asinados.