O coronavirus esténdese por Italia e chega xa a Florencia e Sicilia
As rúas de Milán amencían hoxe medio baleiras e con escolas e centos de negocios e edificos públicos pechados.
Os supermercados esgotaron boa parte das súas existencias, ante o temor dunha propagación masiva do coronavirus.
Situación semellante a que se vive agora tamén en Florencia, onde nas ultimas horas se coñeceu o primeiro caso positivo dun home que acababa de chegar de Singapur.
O exército e a policía manteñen confinadas a 50.000 persoas nas dez localidades de Lombardía e Véneto consideradas focos de contaxio.
A situación sorprendeu a milleiros de turistas en Roma e que se preparaban para viaxar ao norte do país.
Pero nas ultimas horas soubose que o coronavirus saltara ao sur de Italia. A portadora é unha muller que saíra de Bérgamo, no norte do país, antes de que se declararase a emerxencia sanitaria e que se desprazou a Sicilia cun grupo de turistas.
Tanto ela como todas as persoas coas que estivo en contacto están agora en cuarentena.
O primeiro ministro Giusepe Conte, admitiu erros nos protocolos que se recomendan nestes casos e que isto puido facer que se propagase o coronavirus.
Pero o temor propágase aos países veciños e o Goberno francés admitiu que se prepara para unha epidemia, unha vez que o virus rompeu o cordón sanitario que se establecera na China.