CRTVG

Buscar

O coronavirus entrou en España ata por 15 vías distintas

Publicado o 23/04/2020 14:48

• Desde España, o virus púidose transmitir a distintos países de Europa e América

• Os primeiros casos non foron detectados por ningunha administración sanitaria do Estado

 

Non houbo un paciente cero do coronavirus en España. É unha das conclusións dun ambicioso estudo realizado por investigadores do Instituto Carlos III do que se fai eco o diario El País e que identifica ata 15 vías de entrada diferentes da enfermidade.

José  Alcamí, investigador do Instituto de Saúde Carlos III, explica que a orixe da epidemia en España “non tivo un paciente único, ou paciente cero, senón que veu por múltiples entradas de distintos países”.

Ademais, agrega o científico, estas entradas producíronse “na segunda quincena ou mediados de febreiro, que é antes de que se detectara que había unha transmisión comunitaria en España”. Polo menos dúas destas entradas do virus deron lugar a "a aparición de conglomerados transmitidos localmente, coa posterior difusión dun deles a outros seis países polo menos", destaca o estudo.

Gran potencial de difusión

Estes resultados "poñen de relevo o extraordinario potencial do  SARS- CoV-2 para unha rápida e ampla difusión xeográfica", sinala a investigación, que foi publicada no repositorio de informes científicos  BioRxiv, onde os textos aínda non foron sometidos a revisión por outros expertos.

 

O director do Centro de Alertas Sanitarias, Fernando Simón, corrobora que "é posible e é moi seguro que en España houbera casos asintomáticos que se nos escaparon. Non houbo claramente un paciente cero porque sabemos que o incremento en marzo debeuse á entrada de varios casos. Non chegou un caso só, iso é obvio", dixo Simón.

O experto afirmou que se houbese un paciente cero, non se tería dado o crecemento "tan explosivo" de casos que se deu en España en marzo. "Que pasasen inadvertidos ademais destes, algúns casos uns días antes, é perfectamente posible. O certo é que se existía esa circulación non foi detectada polos servizos sanitarios, nin polos servizos de saúde publica de ningunha comunidade autónoma", apostilou.

Os científicos descifraron e analizaron os 28 primeiros xenomas do virus e confirmaron que este chegou aquí por multitude de entradas de persoas infectadas doutros países. Desde a cidade chinesa de Wuhan, o SARS-CoV-2 identificouse, ademais do primeiro caso das Canarias, en Madrid, Valencia e Castela e León cando xa levaría varias semanas circulando.

As tres grandes familias do virus identificadas no mundo son as que chegaron aquí en primeiro lugar.

Estas tres variantes do virus teñen secuencias similares ás detectadas en Alemaña, Reino Unido, Italia, Holanda e Noruega, o que indica a diseminación dos diferentes subtipos do microorganismo por toda Europa.

Fonte e destino da infección

En canto a transmisión, puidera vir de persoas chegadas do estranxeiro, pero tamén por individuos que non viñeran de fóra pero estiveran en contacto con outros que si. Alcamí cita como exemplo o partido de fútbol de mediados de febreiro entre o Atalanta e o Valencia, xogado en Milán. Na Comunidade Valenciá morreron dous anciáns por pneumonía en febreiro que despois se confirmou que tiveran a COVID-19. "É dicir, os primeiros casos non foron detectados, porque eran moi poucos ou non había sospeita. Iso sabémolo agora", di.

O estudo suxire ademais que desde España o coronavirus púidose diseminar cara os Estados Unidos, Holanda, Chile, Brasil, Xeorxia e Francia. “É un pouco a dinámica das epidemias, somos fonte e destino de infección”, agrega  Alcamí.

O que quizais permite un atisbo de optimismo é a pouca capacidade de mutación que parece ter o virus (todas as variantes son moi semellantes), o que podería facilitar a efectividade da vacina cando estea lista.