CRTVG

Buscar

O conservatorio de danza realiza unha coreografía a distancia

Publicado o 14/04/2020 14:50

De non decretarse o estado de alarma, os alumnos do conservatorio de danza da Coruña representarían esta coreografía, Ventás ao mundo, no Museo de Belas Artes da Coruña, xunto co alumnado dunha escola de danza de Chicago, coa que teñen un programa de intercambio.

Luciano Gómez, director do Conservatorio de Danza da Coruña: "Nace como un traballo que estaba facendo o profesor de danza Armando Martín con 23 participantes do conservatorio de danza, era en preparación para amosalo no Museo de Belas Artes da Coruña, xa que nós temos un intercambio co alumnado da escola de Ruth Page, de Chicago".

Por iso, estas alumnas e alumnos dos últimos cursos do grao profesional participan nesta coreografía, que se creou coa montaxe dos vídeos que gravaron cada un desde as súas casas.

Luciano Gómez, director do Conservatorio de Danza da Coruña: "Desta forma a idea é que a danza chegue a todos os ámbitos da sociedade, animar un pouco a todo o mundo e mandar unha mensaxe, como dixo José Martí, que "neste mundo cabemos todos en paz".

Con esta coreografía, tamén queren mandar a mensaxe de que "as ventás están abertas, hora limpar de virus e inxustizas".

Noticias web

14/04/2020