CRTVG

Buscar

O Consello Xeral de Enfermería querélase contra Sánchez, Illa e Simón

Publicado o 23/04/2020 17:48
O Consello Xeral de Enfermería querélase contra Sánchez, Illa e Simón

O Consello Xeral de Enfermería de España presentou unha querela ante a Sala do Penal do Tribunal Supremo contra o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e contra o ministro de Sanidade, Salvador Illa, e varios cargos do seu departamento, por un delito contra a seguridade dos traballadores.   

A orixe desta actuación xudicial radica nun acordo adoptado hai semanas pola Comisión Executiva do Consello Xeral de Enfermería, por unanimidade, ante a falta de suficiente material de seguridade para protexerse na asistencia dos pacientes con COVID-19 e a onda de contaxios entre profesionais sanitarios e o posterior falecemento de varios deles.   

Así, dita Comisión encargou aos servizos xurídicos do Consello a posta en marcha das accións penais para esixir as responsabilidades que procedesen ás autoridades sanitarias que están a intervir na xestión da pandemia.

A tal fin, os expertos do Consello Xeral de Enfermería levaron a cabo un extenso traballo de investigación e de recompilación de información sobre os medios e materiais de protección das enfermeiras e enfermeiros fronte á COVID-19. O resultado final levou o Consello Xeral de Enfermería á decisión de actuar xudicialmente pola vía penal.

Grazas a toda esta investigación previa, elaborouse unha querela extensa e contundente, que contén máis de 50 folios, e onde se realiza un amplo relato dos feitos, acompañado de abundante documentación que explica como, coñecendo o Goberno e o Ministerio polo menos desde finais de xaneiro a existencia e o alcance da gravidade do virus, non se puxeron en marcha as actuacións necesarias para dotar os profesionais sanitarios dos medios e materiais de protección necesarios, ao que hai que engadir a entrega de materiais defectuosos (como os 2,1 millóns de máscaras inservibles do fabricante chinés Garry Galaxy) ou os tests sen a fiabilidade suficiente.   

Os outros membros do equipo de Sanidade contra os que vai a querela son:

· A directora xeral de Saúde Pública, Calidade e Innovación, Pilar Aparicio

· O director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón

· A subdirectora xeral de Promoción da Saúde e Vixilancia en Saúde Pública

· A subdirectora xeral de Sanidade Ambiental e Saúde Laboral

Esta querela vén sumarse ás diferentes actuacións penais que foron interpoñendo varios Consellos Autonómicos e colexios provinciais de Enfermería de toda España, contra a xestión das diferentes autoridades sanitarias provinciais e autonómicas, gobernadas por diversos partidos políticos.   

"Somos enfermeiros e enfermeiras, e a única motivación que nos move é a saúde de todos os profesionais sanitarios e a seguridade dos nosos pacientes e dos cidadáns en xeral, que están por encima de ideoloxías ou partidos políticos", afirma rotundamente Florentino Pérez Raia, presidente de Consello Xeral de Enfermería.   

Na querela presentada polas enfermeiras impútase un delito contra a seguridade dos traballadores (art. 316 do Código penal). A pena por este delito é de prisión de seis meses a tres anos e multa de seis a doce meses.   

Así mesmo, cabe destacar que tamén se imputan na querela outros delitos que poden producirse en relación co anterior, como a imprudencia grave con resultado de lesións ou de morte.