CRTVG

Buscar

O Congreso valida este mércores o ingreso mínimo vital, co rexeitamento de Vox

Publicado o 09/06/2020 16:42
O Congreso valida este mércores o ingreso mínimo vital, co rexeitamento de Vox

O Congreso validará mañá o ingreso mínimo vital (IMV) que paliará a pobreza extrema de 850.000 fogares a través dunha renda de entre 461 e 1.015 euros e contará co apoio de case todos os partidos políticos, salvo Vox, que votará en contra, e baixo a dúbida de se o PP se absterá.

O vicepresidente segundo e ministro de Dereitos Sociais e Axenda 2030, Pablo Iglesias explicou este martes, tras o Consello de Ministros, que pedirá a convalidación do real decreto lei desta nova renda mínima xunto co ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, que tamén explicará os detalles técnicos da mesma.

O ingreso mínimo vital é un compromiso do Goberno de coalición para esta lexislatura que se adiantou ante a pandemia da COVID-19 e a crise económica que xerou e derivou en maior pobreza. O Executivo conta cos partidos que facilitaron a investidura de Pedro Sánchez, como PNV, ERC, Más País e Compromís, ademais dos votos favorables de Ciudadanos e previsiblemente de JxCAT. O grupo parlamentario de VOX desmarcarase previsiblemente cun voto negativo mentres que o PP aínda non aclarou se votará a favor ou se absterá.

Vox pensa que o ingreso mínimo exerce un efecto chamada á inmigración irregular e critica unha medida estrutural. Os populares cren que este tipo de renda mínima debería ser conxuntural e non permanente e pedirán que se tramite como proxecto de lei para ser emendada.

Ciudadanos asegurou o seu voto a favor e argumenta que é unha renda "absolutamente necesaria" ante a crise económica actual. 

O IMV, que cobrarán de oficio a partir do 26 de xuño 76.000 fogares con 255.000 persoas, a metade delas nenos, fixa un limiar mínimo de renda garantido para cada tipo de fogar, dependendo do número de membros, que parte dos 461,5 euros ao mes en doce pagas para un adulto só e incrementarase en 139 euros ao mes por cada persoa adicional, adulto ou neno, ata un máximo de 1.015,3 euros.

Tamén establece un complemento adicional de 100 euros para fogares monoparentais. Poderase solicitar a partir do 15 de xuño e todas as solicitudes que se cursen desde ese momento ata o 15 de setembro cobraranse con carácter retroactivo desde o 1 de xuño.

O Goberno calcula que esta terá un custo de 3.000 millóns de euros e a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal  cre que esta medida sumará este ano unha décima de PIB ao déficit público que sitúa entre o 11,1 % e o 14 % do PIB.

De momento en apenas unha semana desde que se aprobou o IMV, a páxina web do ingreso mínimo vital recibiu 21 millóns de visitas e nela fixéronse 3,5 millóns de simulacións.

Noticias web

09/06/2020