CRTVG

Buscar

O Congreso valida axudas económicas ante a COVID-19 pero pide máis medidas

Publicado o 26/03/2020 07:56
O Congreso valida axudas económicas ante a COVID-19 pero pide máis medidas

O Pleno do Congreso validou os tres reais decretos-lei de medidas económicas con axudas a empresas, traballadores e familias con que se pretende paliar o impacto negativo da crise sanitaria ocasionada polo coronavirus na economía, aínda que a maioría dos partidos as ven insuficientes.

As máis das organizacións políticas, entre elas PSOE, PP, UP, Cs, ERC, JxCAT, PNV, Compromís, Máis País ou Foro Asturias, apoiaron os tres decretos-lei que defendeu a vicepresidenta de Asuntos Económicos e Economía Dixital, Nadia Calviño, para que se adopten medidas "urxentes de estabilización" e para que unha vez superada a COVID-19 a recuperación da economía sexa rápida.

Con todo, o último decreto-lei sobre medidas económicas e sociais será tramitado como proxecto de Lei polo procedemento de urxencia e recibirá emendas a pesar de que xa está en vigor.

Deste último decreto, VOX votou en contra por razón de incluír unha disposición que garante ao vicepresidente segundo, Pablo Iglesias, a súa presenza na comisión de seguimento do Centro Nacional de Intelixencia (CNI).

Na votación para que este decreto se tramite como proxecto de Lei recibiu 179 votos a favor e 164 votos en contra. Por tanto, tramitarase con emendas, aínda que pola vía de urxencia, e o procedemento será máis curto dos tres meses habituais.

Por outra banda, os dous primeiros decretos económicos foron validados definitivamente por 342 votos a favor, dous en contra e seis abstencións, e mais por 341 votos a favor, tres en contra e seis abstencións, respectivamente.

"Trátase de minimizar o risco de que a retardación económica teña un impacto estrutural, sobre todo en termos de emprego´, e supoña un lastre para a recuperación", dixo Calviño, que insistiu en que esta crise é "excepcional e transitoria".

Con todo, case todos os partidos políticos urxiron máis medidas para os autónomos, para as empregadas do fogar que quedaron sen ingresos ou para os que non poden pagar o aluguer. Ademais, o PP e VOX (que votou a favor de dous decretos e se abstivo no último) pediron rebaixas de impostos e que non se acometa a reforma fiscal prevista para os próximos Orzamentos Xerais.

Case todos reclamaron ir máis aló. Así, desde Unidas Podemos, que pediu medidas de aluguer e profundar no apoio aos autónomos, ou ERC, que pediu unha renda de confinamento, unha modificación da regra de gasto ou da Lei de Estabilidade Orzamentaria, e Máis País, que solicitou un Plan Marshall de investimento, ata a CUP, EH Bildu ou BNG, que coincidiron en reclamar "novos impostos de emerxencia" ás grandes fortunas.

O PNV considerou que se deron "pasos na boa dirección", e Ciudadanos reclamou máis apoio aos autónomos.

Neste sentido, Calviño reiterou que nas próximas semanas se aprobarán medidas económicas complementarias e citou expresamente unha axuda para as persoas que non poidan facer fronte ao aluguer.

"O Executivo está traballado para dar unha solución a quen se atopa con dificultades para pagar o seu aluguer, tendo en conta as especificidades dun mercado en que operan entidades públicas, grandes propietarios de vivenda, outros profesionais e tamén persoas que dependen desta renda para poder asumir os seus gastos mensuais", dixo sen mencionar se será unha exoneración temporal do pagamento.

A ministra repasou todas as medidas aprobadas en pouco máis dunha semana polo Goberno, tanto para empresas coma para os sectores máis afectados ou para os autónomos, e destacou que son "iniciativas moi relevantes e moi potentes que se poderán ver complementadas por novas medidas en función das necesidades que vaiamos detectando no noso seguimento continuo da situación".

Con todo, Calviño pediu remar "unidos" e "lealdade e responsabilidade" de todas as administracións, xa que "todos debemos estar á altura destas circunstancias históricas".

"Das decisións que tomemos agora, da responsabilidade con que sexamos capaces de actuar dependerá en gran medida que a recuperación tras este duro período sexa rápida e eficaz", incidiu despois de insistir: "Seguiremos actuando cando sexa necesario, onde sexa necesario e facendo o que sexa necesario para atallar a crise sanitaria, protexer os cidadáns e garantir que a economía mantén unha base sólida".

A ministra avisou de que "a perturbación conxunta de demanda e oferta para a economía española afectará aos ingresos das empresas e autónomos", e iso "podería derivar nunha perda de emprego significativa".