CRTVG

Buscar

O Congreso rexeita crear a comisión sobre a pandemia que pediu o PP

Publicado o 29/09/2020 17:35
O Congreso rexeita crear a comisión sobre a pandemia que pediu o PP

A Xunta de Portavoces, grazas á maioría dos grupos parlamentarios, rexeitou este martes a creación dunha comisión de investigación sobre a xestión da pandemia que fixo o Goberno de Pedro Sánchez, tal e como pediu o PP.

A portavoz do grupo popular, Cuca Gamarra, destacou en conferencia de prensa que esa decisión procedeu da maioría que actualmente forman o PSOE e os grupos que apoiaron ou permitiron a investidura de Sánchez.

Segundo as súas palabras, trátase dunha comisión que "ten todo o sentido do mundo" por varias razóns, entre elas, a primeira, polo exercicio de control ao Goberno que supuxese.

Tras afirmar que España é o país cos "peores datos", Gamarra sinalou que a responsabilidade do seu partido consiste en "analizar que pasou" desde que apareceu o coronavirus.

A portavoz do PP lamentou a decisión da maioría da Xunta: o rexeitamento decidiuno despois de que a Mesa admitira o trámite de creación desa comisión.

Comisión que ao declinar a Xunta de Portavoces non terá cabida na orde do día do pleno, que é o órgano do Congreso encargado de aprobar a súa creación.

Gamarra lamentou que a comisión pola que avogou o seu grupo decaera, á vez que a que promove o PSOE, Unidas Podemos e os seus aliados parlamentarios, sobre o caso Kitchen, que se votará o vindeiro xoves, siga o seu curso.

Para recuperar a iniciativa, o PP debería volver presentar a solicitude de formación da dita comisión.

Finalmente, a portavoz acusou eses grupos de "renunciar ao labor de control ao Goberno". "Chámanos a atención que se renuncie ao labor de control ao Goberno e se utilice esta Cámara para facer oposición á oposicón", concluíu.