CRTVG

Buscar

As comunidades autónomas en fase 3 decidirán o pase á 'nova normalidade'

Publicado o 03/06/2020 11:00

• O Goberno aprobará a semana que vén as medidas sanitarias posteriores á alerta

• Sánchez, ante as críticas de PP e Vox á manifestación feminista: "Viva o 8 de marzo"

• Asegura que Casado pide a dimisión de Marlaska por destapar "a policía patriótica" 

• O Goberno pedirá responsabilidades a Alcoa tras recibir 38 millóns en axudas

 

 

As comunidades autónomas que estean na fase 3 da desescalada terán a potestade de decidir o pase á 'nova normalidade'. Anunciouno o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, no pleno do Congreso dos Deputados que debate se se aproba a sexta e derradeira prórroga do estado de alarma.

Sánchez explicou que o presidente a comunidade autónoma, como autoridade delegada, "terá a facultade de decidir se mantén as medidas, e será a comunidade autónoma quen decida a superación da fase 3 e o pase á nova normalidade".

A superación da fase 3, dixo o presidente, "supón o recoñecemento de que a crise sanitaria finalizou nese territorio e, polo tanto, deixará de estar en estado de alarma". En calquera caso, será despois do 21 de xuño, se sae adiante, como todo indica, esta sexta prorrogación do estado de alarma que hoxe se somete a votación.

Para o pase a esa 'nova normalidade', o Goberno aprobará no próximo Consello de Ministros do 9 de xuño o real decreto lei coas medidas de prevención, contención e coordinación tras o estado de alarma. Serán abordadas no Consello Interterritorial de Saúde para xuntar nunha norma as medidas sanitarias a seguir ata que haxa unha vacina ou un tratamento eficaz contra o coronavirus.

Sánchez insistiu en que as competencias dos gobernos autonómicos serán moito máis amplas, e recalcou que as autonomías "en ningún momento perderon competencias, a pesar do mando único" porque, sostivo, "cada comunidade pode realizar xestións no seu ámbito". Puxo como exemplo os hospitais provisionais que se instalaron nalgunhas delas. "Como poderían tomar medidas así se non tivesen competencias?", dixo.

Con todo, o presidente admitiu que unha das leccións a extraer desta crise é a "necesidade de compenetrar os sistemas estatísticos sanitarios" a través dunha "estatística nacional harmonizada". Díxoo cando aludiu á cifra de falecidos, 27.127. Son cifras, dixo, "dos datos proporcionados polas comunidades autónomas" e engadiu que o Ministerio de Sanidade "non realiza cálculos propios; limítase a compilar os datos que proporcionan as comunidades, que son as competentes".

O presidente concluíu pedindo que se acabe coa crispación política para "dicir non ao veleno do odio".

"Demostremos que servimos para algo máis que para encher titulares de crispación e insultos", proseguiu, para pedir tamén que non se utilice a bandeira "como se fose un arma ou unha fronteira que separa". O presidente dixo que "non hai bos nin malos españois" e que o que o país necesita é "diálogo e entendemento".

Nese sentido, aludiu á necesidade de reconstruír o país "xuntos", con medidas de "xustiza social", e apelou á "igualdade real e efectiva entre homes e mulleres". E apuntou: "Dígoo alto e claro, viva o 8 de marzo".

Na súa resposta, o líder do PP, Pablo Casado, acusou a Pedro Sánchez de querer facer unha "moción de censura" ao Estado, logo de chegar por esta vía hai dous anos ao Goberno "pero non gobernar", dixo.

Casado anunciou que pedirá a creación dunha comisión que investigue a "nefasta" xestión da pandemia por parte do Goberno, "o maior fracaso mundial na loita contra a pandemia", dixo. Asegurou que Sánchez non clarifica a cifra de mortos. "Como é posible que o Insituto Carlos III fale de 43.000 falecidos, 44.000 segundo as funerarias, e vostede só recoñeza 28.000?".

 

O líder de Vox, Santiago Abascal, respondeulle ao presidente do Goberno que "berrar viva o 8 de marzo, neste contexto, é tanto como berrar viva a enfermidade e viva a morte". 

O líder desta formación centrou parte da súa intervención en atacar o vicepresidente do Executivo, Pablo Iglesias, do que dixo que "desexa unha guerra civil", e que "na súa vanidade e fanatismo é quen de provocar calquera drama en España".

Respondía así ás afirmacións que fixera Iglesias na comisión de reconstrución do Congreso, cando dixo que Vox desexa un golpe de Estado, pero non se atreve a dalo.

A Abascal respondeulle, desde Unidas Podemos, Jaume Asens, citando a Albert Camus: "Os séculos pasan e a estupidez humana persiste".

O voceiro da coalición de Podemos espetoulles a PP e Vox que "non teñen alternativa para España" e puntualizou que "a liberdade é incompatible con ter nunha man unha cazola e noutra unha bandeira cunha aguia franquista".

Engadiu que "ser libre é que ninguén teña que pedirlle permiso a un señorito para poder sobrevivir", e concluíu aseverando que "a pesar das cazolas, os insultos, o ruído de coroneis e cloacas, non imos dar un paso atrás".

 

 

"Exerza a súa responsabilidade na mobilidade"

O BNG absterase nesta votación. Na súa intervención, o representante do BNG, Néstor Rego, pediulle ao presidente que "exerza a súa responsabilidade na mobilidade para evitar rebrotes", porque "fronte á cerrazón que impide que galegos e galegas poidan moverse polo seu territorio".

Rego denunciou que "alcaldes e alcaldesas denuncian con preocupación a presenza crecente e masiva de persoas foráneas nas vilas de toda a costa galega que chegan sen ningún tipo de restrición e que representan un risco importante de rebrotes para a poboación galega porque maioritariamente proceden de territorios que aínda están en fase 1 como Madrid".

 

Na súa réplica, o presidente do Goberno dixo que non lle foi trasladada esa información e comprometeuse a "enterarme exactamente deses fluxos de mobilidade porque é importante, tendo en conta que son territorios que están en fases distintas e debemos ter a máxima precaución", dixo.

Rego tamén falou da bandeira, "a do meu país", e puntualizou: "A que alzan os traballadores e traballadoras de Alcoa para defender o seu futuro", dixo, amosando fotografías das protestas destes días na Mariña polo despedimento colectivo anunciado nesta empresa.

"Inexplicablemente o Goberno aínda non se moveu" denunciou. E puntualizou: "Estes non son os ricos de Núñez de Balboa defendendo os seus privilexios,  son os traballadores do meu país loitando polos seus dereitos; espero que o teña en conta". 

Na súa resposta a Rego, Pedro Sánchez lamentou o anuncio feito pola empresa, "que leva recibido 38 millóns de euros a cambio de manter os empregos", e dixo que espera "contar co apoio da Xunta" para buscar unha solución que evite a perda dos máis de 500 postos de traballo que propón Alcoa.

Apoio de PNV e Cs

Nesta última ocasión, o Executivo conseguiu pactar o voto favorable do PNV e de Ciudadanos e a abstención de ERC e por tanto obtén números suficientes para que salga adiante unha prórroga con que o Goberno pretende culminar o proceso de  desescalada e acudir á "nova normalidade".

Aínda que os partidos nacionalistas que deron a Sánchez a investidura non esconderon as súas reticencias polo achegamento a Ciudadanos, o Goberno asegurou que os distintos acordos alcanzados con ERC, PNV e Cs son "todos compatibles entre si".

Fontes de ERC, por exemplo, consideraban a EFE que o pacto con Cs responde a "puro tacticismo" por parte o Goberno e non afecta ao que acordaron republicanos e socialistas, aínda que advertían de que se Pedro Sánchez non cumpre o acordado coa formación independentista "acaba a lexislatura".

Nesta conxuntura, a portavoz do Goberno, María Jesús Montero, volveu reprochar ao PP que "dimita da súa responsabilidade" como primeiro partido da oposición e prefira facer "fronte común" con Vox e rexeitar a prorrogación en lugar de sumarse ao resto de forzas para "completar este proceso de sacrificio moi doloroso para o pobo español que está a chegar ao seu último momento".