CRTVG

Buscar

O Congreso aproba a lei Celaá nun clima de forte división

Publicado o 19/11/2020 16:43

O Congreso aprobou este xoves a reforma educativa do Goberno, a LOMLOE ou lei Celaá, durante un bronco debate sobre como queda o castelán na norma ou os centros concertados e os de educación especial, e o PP, Ciudadanos e Vox xa anunciaron que a derrogarán en canto poidan ao consideraren que ataca a liberdade.

O pleno do Congreso aprobou este xoves a reforma educativa do Goberno, a LOMLOE ou lei Celaá, que agora pasa ao Senado na súa recta final parlamentaria antes de poder converterse na oitava lei educativa en democracia. O proxecto de lei co que se quere derrogar a LOMCE ou lei Wert obtivo 177 votos a favor, 148 en contra e 17 abstencións (só un voto máis do que necesitaba para a maioría absoluta).

Os partidos que expresaron o seu voto afirmativo son PSOE, Unidas Podemos, ERC, PNV, Más País Equo e Compromís.  En contra PP, Vox, Ciudadanos, Coalición Canaria, UPN, Foro Asturias e Partido Rexionalista Cántabro.  Bildu, Junts per Catalunya, BNG e Teruel Existe abstivéronse. 

A coñecida como lei Celaá inclúe como puntos máis polémicos que o castelán deixa de ser lingua vehicular no ensino, que no prazo de 10 anos os centros ordinarios teñan os medios para escolarizar o alumnado dos centros de Educación Especial ou que as administracións darán chan público gratis só para construír centros públicos e non concertados.

O debate deste xoves concluíu con berros de "liberdade" desde as bancadas de PP, Ciudadanos e Vox e os aplausos á lei desde PSOE e Unidas Podemos. 

A ministra de Educación, Isabel Celaá, recoñeceu que lles gustaría ter "máis consenso", pero, "lamentablemente, o PP, Vox e Cs autoexcluíronse do debate". Con todo, asegurou que están "moi felices", porque hai sete anos todos os grupos da cámara, con excepción do PP, se emprazaron a derrogar a LOMCE ou lei Wert, e considerou que a LOMLOE é "unha lei modernizadora".

O proxecto de lei orgánica saíu adiante no Congreso a pesar de que, segundo o PSOE, SE difundIron "mentiras, bulos e 'fakes'" sobre o castelán e os centros concertados e de educación especial.

Unidas Podemos mostrou a súa satisfacción e valorou que se fixe a escola pública como eixo vertebrador do sistema educativo.

Por contra, o PP cualificou a norma de "profundamente ideolóxica", considerou que "dilúe a responsabilidade individual", ademais de atacar o castelán como lingua vehicular do ensino e "desterrar" o dereito dos pais a elixir.

Para VOX é unha lei "sectaria e perigosa" e criticou que "metan o xénero desde a infancia", nunha "exaltación confusa da liberdade sexual", dispensado por "persoal non docente".

Cs achaca ao Goberno unha tramitación "inoportuna e de dubidosa garantía democrática". Baixa o nivel dos estudantes, ataca a liberdade de elección das familias e supón un "mercadeo zafio cos dereitos lingüísticos por un puñado de votos", sinalou.

UPN cre que "haberá familias que non poderán estudar en español por culpa do PSOE". E Coalición Canaria sostivo que esta lei é "ideoloxía, temporalidade e confundir".

Polo seu lado, ERC cre que "a mellor garantía para a escola catalá é a república catalá", pero valorou os avances pedagóxicos da nova norma e defendeu que o catalán é a lingua vehicular na educación catalá.

Non considera "suficiente" o deputado Néstor Rego (BNG) "volver á situación pre-LOMCE", aínda que celebrou que esta se derrogue.

Bildu sinalou que a LOMLOE non é o instrumento que necesitan, pois non queren ser "meros xestores" e queda curta para as súas demandas, como a laicidade.

Más País Equo criticou falar tanto da relixión ou a lingua cando os problemas reais son a falta de recursos e o fracaso escolar.

Junts per Catalunya sinalou que non se chegou á lei que querían e defendeu as escolas concertadas, porque "enriquecen e dan máis liberdade ao sistema educativo".

O PNV celebrou que vaia acabar a LOMCE, pero defendeu unha lei vasca de educación e a coexistencia da rede pública e concertada.

Ademais, ás portas do Congreso recolléronse firmas en contra da norma e concentráronse por cuarta vez os membros da plataforma Más Plurales, que abarca a comunidade educativa dos centros de ensino concertado. Recibiron o apoio de dirixentes de PP, Cs e Vox.

Pola súa banda, asociacións e sindicatos educativos como STES, UXT, CCOO, os pais da Ceapa e o Consello Xeral de Colexios de Educadoras e Educadores Sociais celebraron que se aprobe unha lei que derrogue a LOMCE, aínda que consideran que a norma debería incluír máis aspectos, por exemplo, sobre o profesorado.

Por contra, a ANPE criticou a falta de consenso, e a CSIF dixo que é unha lei sen consenso nin recursos e critica, entre outros, a emenda pola que se pode apartar das súas funcións a docentes por suposta falta de rendemento.

Os centros privados, CICAE, dan a benvida á norma, pero esixen maior transparencia no financiamento dos centros concertados.

A Confederación Estatal de Asociacións de Estudantes (CANAE) lamenta que non se lles tivo en conta no proceso de redacción da LOMLOE, e a ONG Save the Children ve avances significativos en equidade, pero bota en falta concreción, financiamento e consenso. 

Noticias web

19/11/2020