CRTVG

Buscar

O condutor interceptado en sentido contrario na A-54 en Arzúa cuadruplicaba a taxa de alcolemia

Publicado o 21/02/2020 13:17

Circulaba en sentido contrario e cuadruplicaba a taxa de alcol permitida. O kamikaze era un veciño do Pino que foi interceptado pola Garda Civil de Tráfico de madrugada despois de sufrir un accidente no treito final da autovía A-54, preto de Arzúa. O home está investigado agora por dous delitos contra a seguridade viaria: un por condución temeraria e outro por conducir baixo os efectos do alcol. 

As chamadas de varios condutores alertaron o 112 na madrugada do mércores da presenza dun vehículo que circulaba en sentido contrario pola autovía A-54 en dirección a Arzúa, pero polos carrís en sentido a Santiago. O condutor, un veciño do Pino, sufriu un accidente no treito final da vía, preto de Arzúa, e alí interceptárono 2 patrullas da Garda Civil de Tráfico de Santiago. Fixéronlle a proba de alcolemia e deu positivo: 0,91, case o cuádruplo da taxa permitida.

Os axentes investigan o caso para determinar onde accedeu á autovía e cantos quilómetros circulou en sentido contrario. O home está sendo investigado por dous delitos contra a seguridade viaria: un por condución temeraria e outro por guiar ebrio. Delitos que lle poden supoñer penas de ata 2 anos de cárcere e a perda do carné de conducir durante 6 anos.

Noticias web

21/02/2020