CRTVG

Buscar

O concello pontevedrés de Poio dobra cifras de incidencia na última semana

Publicado o 27/01/2021 15:16

Chegoulle cunha semana para dobrar as cifras de incidencia e, a día de hoxe, Poio é o concello da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés que rexistra un maior incremento de positivos.

"Nos últimos 14 días tivo unha incidencia acumulada  1773´8 por  cen mil habitantes, unha das incidencias máis altas de toda Galicia", informa Miguel Álvarez Deza, xefe de servizo de Alertas Epidemiolóxicas de Pontevedra.

Case todos os gromos teñen a súa orixe nas reunións familiares derivadas do Nadal.

"Sen elas non pasaba nada, non se fixo o San Xoán de Poio pasábase igual sen elas pero quixemos facer todo e todo non pode ser", comenta un veciño.

Preocupa o gromo detectado neste centro de rehabilitación neuronal.

"Son 50 casos entre persoal e usuarios", comenta Miguel Álvarez Deza, xefe de servizo de Alertas Epidemiolóxicas de Pontevedra.

Fixéronse cribados nas 3 confrarías e tamén no poboado do Vao. Neste útlimo foi onde se localizaron máis positivos.

"É unha zona concreta en que hai moitos casos, pero non é todo Poio, non é unha porcentaxe tan alta o resto do concello", di unha veciña.

Polos datos que manexan os expertos, podemos estar chegando ao pico da terceira onda.

"Os patróns indican que estamos chegando ao pico e que a semana que vén debería empezar a descender ou notarse polo menos un alivio de casos", conta Miguel Álvarez Deza, xefe de servizo de Alertas Epidemiolóxicas de Pontevedra.

Esta fin de semana, os veciños de Poio de entre 15 e 64 anos están convocados a un novo cribado para intentar poñerlle un freo a esta expansión do virus.

 

Noticias web

27/01/2021