CRTVG

Buscar

Os traballadores das electrointensivas galegas envían ao Goberno as súas alegacións ao estatuto

Publicado o 17/02/2020 17:55

Menos axudas das prometidas, e máis beneficiarios. É o que denuncian os sindicatos de Alcoa. Din que o estatuto que presentou o Goberno non é maís que fume. Prevé axudas para 600 empresas, pero sen distinguir cales consomen máis enerxía. É dicir, que non os beneficia. Desde Alcoa San Cibrao temen que vai repercutir no emprego.

Alberto Pulpeiro, vicepresidente do comité de empresa de Alcoa San Cibrao: "Somos unha media de tres mil traballadores. Con este sistema estamos abocados a unha comunicación drástica nestes días por parte da empresa, porque é insostible".

Din ademais que as medidas que recolle o estatuto son claramente insuficientes e nalgún caso confusas. E que non garanten un marco estable para producir que lles permita competir co resto de Europa. Na Coruña, ven perigar o proxecto de Alu Ibérica para volver producir aluminio verde nas instalacións da antiga Alcoa. Pídenlle ao Goberno que cumpra co prometido.

Juan Carlos López Corbacho, presidente do comité de empresa de Alu Ibérica: "Facemos un grito desesperado ante esta situación. Cando se fala de transición ecolóxica, que se faga esa transición. Non se pode deixar a industria tirada nese proceso".

O prazo para presentar as alegacións ao estatuto finaliza o xoves. Se nada cambia, para a próxima semana os traballadores de Alcoa teñen prevista xa unha manifestación diante da Deputación de Lugo.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí