CRTVG

Buscar

O comité clínico do Sergas decide como será a desescalada en Galicia

Publicado o 01/12/2020 15:12

• O reto da ponte da Constitución, sobre a mesa dos expertos

• Expectación en Santiago e Ourense, as cidades con mellores datos

• A hostalería reabrirá en fases por grupos, ocupación e horarios

A Xunta decide hoxe como será a desescalada en Galicia. Prevese que o comité clínico decida na súa xuntanza desta tarde se é preciso pechar perimetralmente a comunidade autónoma durante a vindeira ponte da Constitución, e previsiblemente saberase como se producirá a desescalada nos concellos que presenten mellor evolución.

O plan de Sanidade establecerá diferenzas entre municipios urbanos de máis de dez mil habitantes e rurais. Os datos das últimas semanas avalan o levantamento dalgunhas medidas restritivas e peches perimetrais. 

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, explica que "estamos nunha situación estable no decrecemento das infeccións, unha situación que, desde logo, sempre se pode reverter".

Cidades coma Ourense e Santiago e as súas comarcas mostran unha evidente melloría, cunha incidencia acumulada por debaixo dos 150 casos por cen mil habitantes. Pero a situación é desigual, tanto por áreas sanitarias como por concellos. 

O director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, destaca que "a nosa capacidade de tratamento en coidados críticos é polo menos catro veces máis".

A primeira decisión que debe adoptar o comité clínico é que facer nesta ponte da Constitución. García Comesaña advirte de que a súa preocupación é "que todo este esforzo poida verse malgastado se agora no Nadal volvemos ás aglomeracións".

Os expertos advirten do risco de que en xaneiro haxa unha terceira vaga do virus se se relaxan demasiado as cousas no Nadal, e as autoridades sanitarias xa avisan de que as unidades de coidados intensivos poden non aguantar unha nova avalancha de enfermos de covid−19.

 

 

Noticias web

01/12/2020