CRTVG

Buscar

Ourense segue a ser o principal punto de preocupación

Publicado o 06/10/2020 20:54

O comité clínico está reunido desde media tarde para avaliar a situación da pandemia en Galicia e facer as súas recomendacions para frear a expansión do virus. Ourense segue a ser o principial punto de preocupación. 

Son 88 os novos contaxios nesta xornada na área sanitaria e Ourense capital superou os 500 casos activos. Hai 76 persoas ingresadas e nas últimas horas faleceu unha muller con covid nunha clínica privada da cidade. Tamén se detectaron catro novos gromos en diferentes localidades, que suman 16 positivos.

Os médicos inciden en que estamos ante un virus que se contaxia por contacto é que é imprescindible evitar as reunións entre non conviventes para frear a súa expansión.

A cidade de Ourense, con pouco máis de 100.000 habitantes superou os 500 casos de coronavirus. En toda a provincia son 1.084. Os contaxios seguen aumentando, 88 novos nas últimas 24 horas, uns poucos menos ca en xornadas anteriores.

No hospital universitario tiveron que instalar un novo punto de recollida de mostras para dar atendido todas as peticións que chegan de atención primaria. En Ourense xa se fan preto dun milleiro de PCR cada día.

Nas últimas horas detectáronse outros catro gromos de coronavirus en Lobios, O Barco, Xunqueira de Ambía e O Carballiño. Todos vinculados a reunións familiares. 

Nos hospitais de Ourense hai 75 persoas ingresadas con covid, oito delas en coidados intensivos. 

Noticias web

06/10/2020