CRTVG

Buscar

O comercio demanda menos impostos, liberdade horaria e que se incentive o pagamento con tarxeta

Publicado o 22/06/2020 15:27

O cumio empresarial da CEOE puxo o foco hoxe no comercio. O sector calcula que perderá 30.000 millóns de euros este ano pola crise do coronavirus. Pídenlle ao Goberno grandes acordos que sirvan para protexer o emprego: non subir impostos, abrir os domingos e que se incentive o pagamento con tarxeta para acabar coa economía mergullada.

O sector cifra nun 50% a caída de vendas. Só a alimentación logrou facerlle fronte á crise, pero con investimentos moi importantes. É un momento delicado, din, en moitas empresas.

O presidente da Asociación Nacional de Grandes Empresas de Distribución advirte de que "non é momento de contrarreformas, senón de medidas excepcionais".

Demandan flexibilidade financeira, manter os ERTE e menos impostos.

"Moitas empresas están sometidas a competencia internacional e non podemos poñer máis cargas ás mesmas. Non poñamos todos os esforzos en aumentar os impostos dos que xa os pagan", incide o presidente do Instituto de Empresa familiar.

Cos números que fai o sector, haberá comercios que en 2020 estarán pechados 132 días. Para dinamizar o consumo e manter o emprego piden liberdade horaria.

"Impulsar un pacto para ampliar horarios de apertura a domingos e festivos durante o que queda do 2020", demanda Alfonso Merry desde a distribución.

Marc Puig engade a loita contra a economía mergullada: "Reduzámola dunha vez, baixando, por exemplo, o uso de papel e moeda. Que se fomente o uso dixital do diñeiro".

O comercio supón un 13% do PIB e agrupa o 17% do emprego. Un motor que, din, precisa dun plan de axudas urxentes para poder ser competitivos. Por exemplo na dixitalización e o comercio electrónico.

Noticias web

22/06/2020