CRTVG

Buscar

O colapso fai que os afectados por un ERTE teñan que agardar para cobrar o paro

Publicado o 14/04/2020 17:29

As oficinas de emprego están desbordadas pola tramitacións e hai máis de 3 millóns e medio de traballadores agardando.

Reforzaron a cadro de traballadores e, segundo o SEPE, están resolvendo máis de 80.000 expedientes de regulación emprego ao día. Desde o CSIF, o sindicato de funcionarios, din que están desbordados e que hai traballadadores afectados por un ERTE que non van cobrar ata maio.

Cabe que recordar que os traballadores non teñen que facer ningún trámite, é a empresa quen os fai. O que si poden é saber se xa está tramitado o ERTE e canto van cobrar. Para iso teñen que acceder á paxina web do SEPE, porque, recordámoslles que as oficinas están pechadas ao público.

Tamén o están as oficinas do Servizo Público de Emprego de Galicia. A renovación da demanda de emprego, o que popularmente se coñece como selar o paro, non é neceario facela, tampouco teñen que facer os trámites habituais os que reciban a prestación de maiores de 52 anos. A Xunta ampliou os servizos a disposición dos cidadáns de modo telefónico e tamén telemático, na web emprego.xunta.gal.

A gran maioría non cobraron aínda este mes de abril. Terán que agardar, como mínimo, ata maio. 
O Ministerio de Traballo e as comunidades multiplicaron os recursos para acelerar o recoñecemento das prestacións.

O ministro de Inclusión e Seguridade Social, José Luis Escrivá, sinalou que "se van a ir desatascando os problemas" relacionados co pago de prestacións ou subsidios tanto do Servizo Público de Emprego Estatal como da Seguridade Social.

"Máis alá dalgún colpaso que se poida estar producindo, os pagos chegarán, van ir desatascando os problemas e estamos todos comprometidos en axilizar os procedementos o mais rápido posible", defendeu o ministro nunha entrevista en Antena 3.

Escrivá pediu "ser conscientes" da dimensión do reto para o SEPE e a Seguridade Social que supón ter que xestionar "todas as prestacións e facelo en tempo récord". Sobre a posibilidade de prolongar os ERTE por forza maior en determinados sectores ou estudar novas medidas nos  ERTE produtivos,  Escrivá sinalou que este martes non se abordará no Consello de Ministros, pero que nesta crise hai que ter "a máxima flexibilidade" na forma en que se despregan as políticas públicas e aludiu a que a "incerteza é grande".

 

Noticias web

14/04/2020