CRTVG

Buscar

O CIS de xaneiro vaticina unha vitoria do PSOE e a caída do PP ao cuarto posto

Publicado o 31/01/2019 20:32

O PSOE gañaría e o PP caería ao cuarto posto

O estudo para este barómetro realizouse entre o 1 e o 13 de xaneiro, coincidindo coas negociacións entre PP, Ciudadanos e Vox para formar goberno en Andalucía. Daquela Íñigo Errejón ainda non fixera público o seu distanciamento de Podemos, o que non permite determinar o impacto desta decisión nos resultados. Nese contexto, o CIS prognostica unha vitoria socialista nunhas hipotéticas eleccións Xerais, ao tempo que prevé unha caída dos populares ata o cuarto posto.

O barómetro sitúa o PSOE en cabeza, con preto dun 30 por cento de apoios e unha suba dun punto. Ciudadanos ascende á segunda posición, cun 17,7 por cento, apenas dúas décimas menos ca o anterior estudo. Unidos Podemos e as súas confluencias obteñen medio punto máis, e sitúanse nun 15,4. A caída máis destacada é a do PP, que baixa á cuarta posición ao pasar do 19 por cento ata o 14,9, mentres que Vox é o partido que máis avanza: pasa do 3,7 por cento de decembro ata o 6,5.
O presidente do Goberno segue a ser o líder mellor valorado, malia que a súa puntuación cae ata o 3,8. Ségueo Alberto Garzón e Albert Rivera, mentres que Pablo Casado e Pablo Iglesias non alcanzan o tres.

Dispárase a preocupación pola violencia machista

O paro segue a ser o principal problema para os españois, pero baixa dous puntos respecto do anterior barómetro. Medra, en cambio, a preocupación polos partidos e a política, mencionado por un de cada tres enquisados, mentres que se dispara a preocupación pola violencia de xénero.

Noticias web

31/01/2019