CRTVG

Buscar

O PP acurta distancias co PSOE no primeiro CIS durante a crise do coronavirus

Publicado o 15/04/2020 14:23

• División en dous bloques respecto á fiabilidade que merece o Goberno na xestión da crise

• Máis do 90 por cento pide un esforzo especial para chegar a grandes acordos

 

O Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) concédelle unha repunta dun punto e medio ao PP, do 19,6 ao 21,1 por cento en estimación de voto, mentres que reflicte unha caída dos dous partidos no Goberno, o PSOE e Unidas Podemos e tamén de Vox.

Nun barómetro especial pola COVID-19, elaborado mediante 3.000 entrevistas telefónicas entre o 30 de marzo e o 7 de abril, o primeiro desde a declaración do estado de alarma, o PSOE cae do 31,9 por cento de marzo ao 31,2, en tanto que Unidas Podemos e as súas confluencias pasarían do 12,9 por cento da anterior enquisa a un 12 por cento en estimación de voto.

Vox tamén perdería bastante forza, do 14,8 por cento de marzo ao 13 por cento, en tanto que Ciudadanos rompe a súa senda descendente e sobe do 7,2 da anterior enquisa a un 7,6 por cento.

Valoración dos líderes

Respecto da valoración dos líderes, máis dun terzo dos cidadáns prefire a Pedro Sánchez de presidente do Goberno nestes momentos fronte a un 12,5 por cento que lle gustaría que fose o líder do PP, Pablo Casado.

O estudo sitúa, tras Sánchez e Casado, ao presidente de Vox, Santiago Abascal, que é preferido polo 6,1 por cento dos entrevistados, e á líder de Ciudadanos, Inés Arrimadas, pola que opta o seis por cento.

O vicepresidente segundo do Goberno e secretario xeral de Podemos, Pablo Iglesias, é o preferido polo 4,5 por cento, mentres que o ministro de Consumo e coordinador federal de EU, Alberto Garzón, é o que prefire o 1,3 por cento dos enquisados.

Aínda que Pedro Sánchez é o preferido polo 36,5 por cento como presidente do Goberno, inspira pouca ou ningunha confianza ao 60 por cento dos entrevistados e moita ou bastante ao 39 por cento.

Pola súa banda, Casado xera pouca ou ningunha confianza ao 77 por cento e moita ou bastante ao 20,6.

Grandes acordos

No que existe un grande consenso é na necesidade de acordo. Máis do 91 por cento dos preguntados quere que cando se supere a pandemia da COVID-19 se faga un "esforzo especial" para afrontar a crise económica mediante "grandes acordos", fronte a un 6,2 por cento que prefire que cada partido expoña as súas propias alternativas.

Un 87,8 por cento pensa tamén que nas circunstancias actuais, os partidos e a oposición deben "apoiar o Goberno e deixar as críticas para outro momento", mentres que só un 10 por cento dos enquisados apunta que as forzas políticas "deben continuar facendo todas as críticas que consideren oportunas".

O CIS pregunta expresamente aos cidadáns como imaxinan que se estaría resolvendo esta crise se o líder do PP, Pablo Casado, fora o presidente do Goberno en lugar de Pedro Sánchez, e o 46,6 por cento di que a loita contra a pandemia estaríase a facer "practicamente igual".

Un 18,5 por cento apunta que se estaría levando a cabo algo ou moito mellor con Casado, e un 22,9 supón que sería algo ou moito peor co presidente do PP no Palacio da Moncloa.

Dous bloques

Tamén avalían os enquisados a política que o Goberno de coalición está a impulsar para frear a pandemia, e aquí os españois móstranse completamente divididos en dous bloques. Así, a xestión do executivo merece moita ou bastante confianza para o 46,5 por cento, fronte a un 47,8 por cento ao que lle provoca pouca ou ningunha confianza.

E en canto ao papel que nesta materia deben desempeñar os gobernos das comunidades autónomas, o 73,3 por cento manifesta que todas as medidas deben ser adoptadas polo Goberno central, fronte a un 20,7 por cento que di que as deberían tomar os Executivos autonómicos.