CRTVG

Buscar

O circo Olimpia, confinado en Lalín

Publicado o 21/04/2020 14:18

"A nós pasounos aquí, un día antes do debut en Lalín, que non nos deixaban traballar, que era unha cuestión nacional", explica o director do circo Olimpia, Marco Zeferino.

O confinamento pola COVID-19 colleu as familias do circo Olimpia con todo listo pero sen poder saltar á pista nin para a sesión de estrea na comarca do Deza. Os vinte integrantes, hai tres nenos de entre tres e nove anos, viven a sexta semana dunha reclusión que lles resulta especialmente dura.

"Fatal", di Zeferino, e explica: "Vivimos en caravanas, que son recintos pequenos. Nós que somos nómades e acostumados a vivir fóra, na rúa, cos nosos traballos no circo, ensaiando, viaxando, montando... pois é un pouco difícil. Cada caravana ten unha familia aí dentro nun espazo reducido, pero é o que hai".

Ao non poder ofrecer o seu espectáculo, non entran cartos, polo que se lles complica ata o aprovisionamento básico.

"Nós somos un circo mediano, familiar, e os ingresos son día a día. Ás veces dáse algo mellor e vén máis xente, e os ingresos só un pouco máis, pero é un circo que se vai mantendo coa venda de entradas... Se non fose polo pobo de Lalín, o alcalde, o concelleiro, a Cruz Vermella, Policía, Garda Civil... en xeral, todos os veciños de Lalín nos están axudando. Tráennos comida e demais", di o director do circo.

Exhiben desde o máis alto que teñen o seu agradecemento á axuda que están a recibir. O coronavirus deixou no aire o seu cartel de debut en Lalín, pero a solidariedade da súa xente deixa un pouso nas familias deste circo. E o director asegura que "cada vez que o circo Olimpia veña a Lalín, sexa o ano que sexa, dará funcións de balde para todos os veciños".

Mentres, lalinenses e circenses comparten tamén momentos como o das oito da tarde, coas emocións postas na futura vida cotiá.

Noticias web

21/04/2020

Máis sobre actualidade