CRTVG

Buscar

O CHUVI, pioneiro nun sistema que realiza a función do pulmón

Publicado o 22/10/2020 11:49

A UCI do Complexo Hospitalario de Vigo puxo en marcha unha nova terapia para pacientes con coronavirus. Trátase dun sistema de soporte respiratorio que realiza a función do pulmón. O Álvaro Cunqueiro é o primeiro hospital galego en utilizalo en pacientes con infección respiratoria aguda producida polo coronavirus.

O obxectivo é que o pulmón se recupere das súas lesións a través do repouso, mentres unha máquina realiza algunhas das súas funcións. Nos casos graves comprobouse que os pulmóns non eliminaban ben o CO2, o que provoca complicacións importantes. Este sistema utiliza unha técnica extracorpórea de lavado de dióxido de carbono. Concretamente a través dunha cánula introducida no corpo do enfermo, estráese o sangue para eliminar o exceso de CO2.

Polo de agora xa se empregou en dous pacientes graves cos que fracasaran as manobras respiratorias convencionais, e os resultados foron positivos. Un deles xa foi dado de alta. O outro continúa ingresado con este tratamento, e a súa evolución está a ser favorable.

Noticias web

22/10/2020