CRTVG

Buscar

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo constata que o pastoreo mellora a composición do leite

Publicado o 21/08/2020 16:07

Xa o di o refrán, "do que se come, críase", e tamén o constata o estudo científico levado a cabo polo Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) en colaboración co LIGAL, o Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite.

As vacas que pacen producen un leite cunha maior concentración de ácidos graxos e antioxidantes beneficiosos para a dieta. Como di Gonzalo Flores, xefe do departamento de pastos e cultivos do CIAM, "son ácidos graxos tipo omega-3, a presenza de ácido graxo trans vaccénico e ácido linoléico conxugado, dos que numerosos estudos científicos demostran que teñen uns efectos beneficiosos para levar unha dieta sa".

Científicos andaluces están a investigar a posibilidade de obter un leite que axude a aumentar a inmunidade fronte ao coronavirus, pero ata o de agora non hai evidencias científicas que avalen este proxecto.

O que si se sabe é que o consumo de leite axuda a aumentar a capacidade inmunitaria pero ollo, en xeral, non fronte á covid: "o consumo de leite en xeral exerce un efecto positivo sobre a capacidade inmunitaria dos consumidores, pola presencia de determinados compostos, en concreto noméase a lacteoferrina, pero é con carácter xeral e non específico fronte á COVID", explica Gonzalo Flores.

A crecente demanda de produtos saudables e respectuosos co medio ambiente abre a posibilidade de ocupar un nicho de mercado con cada vez máis saída.

Un modelo de produción de leite máis extensivo, donde os pasteiros proporcionan unha parte relevante da alimentación durante todo o ano, o que contribuiría non só á calidade do leite, senón tamén ao mantemento da paisaxe e á loita contra os incendios, grazas ao papel que exerce o pastoreo de roza natural.

Ademais dos seus beneficios para a saúde, o pastoreo axuda ao mantemento da paisaxe e á prevención dos incendios, ao manter os terreos limpos.

Noticias web

21/08/2020