CRTVG

Buscar

O Celta non ten pegada: marcou tres goles en seis xornadas

Publicado o 20/10/2020 12:54

Se debullamos as cinco grandes ligas europeas é complicado atopar un equipo con tan pouco gol como o do Celta. E tamén con tanta dependencia dun xogador. Aspas marcou ata o momento os tres do equipo galego. Unicamente el. E xa van seis xornadas. Só hai algo semellante na Serie A italiana: catro goles do Torino e os catro de Belotti.

O Celta asina, xunto ao Alavés, pois o Elxe ten varios partidos menos, un dos peores promedios goleadores das ligas española, italiana, alemá, francesa e inglesa. Son 3 tantos en 6 partidos. Poucos casos hai con algún parecido. En Alemaña: o Wolfsburgo, o Schalke e o Mainz levan 2 goles pero en 4 xornadas. O máis semellante é o Sheffield na Premier: dous tantos en 5 partidos.

O Celta está a ser un equipo sen pegada: crea ocasións, pero falla no momento da definición. Falta un dianteiro que non chegou no mercado de verán e que xa vai ser complicado que apareza antes de xaneiro. A dirección deportiva ofreceulle a Óscar García a opción de Sturridge, que leva meses sen xogar, pero o adestrador refugou esa operación.

Óscar probou como dianteiro a Santi Mina ante o Atlético. Só ten esa opción, e Aspas, sempre determinante para un equipo moi penalizado pola falla de puntería. E xa saben, sen gol, hai poucas vitorias e moito sufrimento.


 

Noticias web

20/10/2020