CRTVG

Buscar

O Celta empata en Valladolid (1-1) e segue invicto

Publicado o 27/09/2020 21:54

Aspas marca un golazo e iguala a Hermidita como máximo realizador do Celta en Primeira División con 104 goles

Valladolid 1 - R. C. Celta 1

O Celta amosou a súa identidade en Pucela desde o primeiro minuto de xogo no primeiro partido en que Òscar repetía aliñación desque chegou ao banquiño celeste.

Solidarios atrás, mantendo a presión alta e tras un gran toque de pillabán de Iago Aspas chegaría a mellor ocasión do partido. Minuto 14, man a man de Denis Suárez con Roberto. Pequeno bote, mala definición e balón á deserta bancada de Zorilla.

Pero só dous minutos despois chegaba a réplica dos locais; gran pase de Toni Villa, o mellor do Valladolid na primeira parte, e Guardiola referenda a teoría de que hai porteiro con Iván Villar.

E con dous equipos mirándose nun espello en que perdían e recuperaban balóns case do mesmo xeito, emerxe a figura de Denis Suárez para espir as eivas defensivas dos casteláns.

Gran pase de Denis Suárez, e a finalización da xogada por parte de Iago Aspas é propia dos elixidos, doutro partido. Carreira, control dobre caneo e coa perna menos dominante por onde non entraba unha agulla mételle unha lasca ao balón para que os vigueses marchasen ao tempo de lecer cun gol de vantaxe. Hermidita xa non é o único no Celta que marcou 104 goles.

Na segunda metade o Valladolid foi mellor e Nacho Martínez foi o dono da banda esquerda pucelana e dos lanzamentos a balón parado.

E o Valladolid, que merecía o gol no segundo acto, non o merecía nun penalti tan polémico coma este de Hugo Mallo.

Guardiola engana a Villar e empata o partido.

Moi boa acción defensiva de Aidoo que comeza a campaña de xeito espectacular...

E gran xogada de Nacho Martínez... o remate arriba.

E para baixar o pano, unha xogada correcta desde o punto de vista regulamentario, pero lamentable desde o entendemento do xogo de Sánchez Martínez.

Quinto punto e invicto nunha semana en que agardan Barcelona e Osasuna en catro días.



 

Noticias web

27/09/2020