CRTVG

Buscar

O Celta empata 1-1 na Cerámica ante o Levante, cun final moi polémico

Publicado o 27/10/2020 10:57

• O canteirán Sergio Carreira marcou o gol do empate

Encollidos sobre as súas propias debilidades e os seus medos, Levante e Celta xogaron un primeiro tempo de neta contención en que por parte dos celestes foi Aspas, no mascarón de proa, o único que se deu arrimado á portería contraria con algo de intención para poñer en problemas a Aitor Fernández.

No Levante tamén optaban pola dinámica de tiro largo evitando pegarse demasiado á área rival e deixar as costas debilitadas. Campaña intentouno dende a distancia coa pelota moi alta. A mellor dos valencianos foi esta: combinan na banda os de Paco López e Campaña queda co coiro dentro da área para facer un pase da morte ao que non chegan nin Roger nin Morales, nin tampouco os defensas célticos.

Así foi devalando a primeira parte, sen sustancia e, por suposto, sen goles, cos dous equipos empachados no control do rival e con poucas concesións ao xogo de área. No segundo tempo virou o conto. E fíxoo fundamentalmente pola forza dos feitros consumados. Un penalti espabila a calquera e a acción de Nolito sobre Miramón que o árbitro castigou coa pena máxima abaneou definitivamente a póla do partido. Lanzamento dende os once metros de Roger Martí e o Levante que toma vantaxe.

O Celta reacciona e asume a necesidade de replicar. Velaí Aspas recibindo na frontal, manobrando con criterio e zapateando no balón para provocar a parda a perna estirada de Aitor. O tiro ía raso e cruzado, pero o porteiro estivo dilixente na parada. No segundo intento de empatar xa non puido frear o Levante aos de Vigo. A xogada fragua agora pola banda contraria. Centra Denis Suárez apurando metros na galopada e balón ao que non chega Santi Mina no primeiro pau, mais sí Sergio Carreira no outro poste a onde chegaba acompañando con moito tino a xogada.

Gol e, de novo, igualade no marcador, pero co partido xa máis aberto. Intenta Nolito sen demasiada fé e o Levante resposta con Morales comendo e guisando el só unha oportunidade na que bate o coiro contra o corpo de Iván Villar e, amáis acaba lesionado.

O Levante apertou no último cuarto de hora de partido. Miramón penetra polo costado e centra á área a onde non chega Dani gómez encimado por Araújo. A un partido así, con tanto en xogo, non lle podía faltar a polémica e a xogada conflitiva chegou no tempo de desconto. Outra arrancada pola banda que acaba en pase ao punto de penalti e remate de Dani Gómez o fondo da rede celeste.

Por diante de Iván Villar pode observarse a posición de Roger e o árbitro foi ás imaxes de vídeo para comprobar ao seu saber e entender, e descontada a posición, se había tamén, ou non, influencia do xogador levantino na xogada. Tras a consulta, zafa o Celta, anula o gol no medio da decepción local cando xa vían no seu zurrón tres puntos de alto valor na clasificatorio.

Noticias web

27/10/2020