CRTVG

Buscar

A defensa do Chicle denuncia que "o tribunal foi parcial" pola presión mediática

Publicado o 26/05/2020 21:43

A avogada de José Enrique Abuín Gey, alias o Chicle, María Fernanda Álvarez, sostivo que o seu defendido foi condenado á pena de prisión permanente revisable polo asasinato de Diana Quer porque a "desmedida presión mediática e social" provocou que "o tribunal non foi imparcial" e "isto non é un proceso limpo".

Na vista de apelación que se celebrou hoxe na sede do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na Coruña contra a sentenza condenatoria do Chicle, ditada en decembro pasado, a avogada referiuse, en concreto, aos médicos forenses, que "non foron imparciais" e "violentaron a presunción de inocencia". E apoiouse, para afirmalo en que "eles mesmos recoñeceron" que non puideron probar que houbera violación.

Ademais, estendeu esa suposta falta de imparcialiade á policía xudicial, á Garda Civil e ao propio xuíz que presidía a sala da sección sexta da Audiencia en Santiago, Ángel Pantín.

Álvarez cualificou o sucedido como un "sistema inquisitorial" rexido, dixo, pola "coa presunción de culpabilidade".

A letrada insistiu en que impugna a sentenza "porque non se impartiu xustiza conforme ao estado de dereito" debido a que, sostén, se condenou o seu patrocinado por unha agresión sexual da que non hai probas, ao constatar que foron feitos indeterminados aínda que de natureza sexual, co que se vulnera "o que constitúe o eixe vertebrador dunha sociedade democrática: a presunción de inocencia".

A avogada entende que durante a instrución e a celebración da vista oral se induciron "as probas para poder ditar unha sentenza condenatoria de agresión sexual, o delito necesario para "a tan aclamada prisión permanente revisable", a máxima pena privativa de liberdade que contempla o Código penal.

Pola súa banda, o fiscal xefe de Galicia, Fernando Suanzes, pediu a desestimación do recurso de apelación. Ao seu entender, semella "un recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional" porque se apoia, dixo "no artigo 24 da Constitución Española". Recoñeceu que a defensa do Chicle fixo "unha chea de consideracións sobre como se produciu tal cousa e como se interpretou", algo que se acometeu "brillantemente", pero matizou que desacreditar os peritos e a Policía Xudicial non é o camiño.

Suanzes considerou que están "fóra de lugar e discusión diversos argumentos sobre a valoración da proba" e engadiu que apreciacións sobre a contaminación mediática ou a falta de imparcialidade son habituais para desacreditar un xuízo con xurado. Pero todas elas, segundo defendeu, son cuestións xa resoltas na análise das cuestións previas ao ámbito do xuízo oral. "Non parece que a presión social influíse", insistiu.

O fiscal mantén que "non hai violación algunha da presunción de inocencia" por parte do Tribunal do Xurado, aínda. 

O avogado dos pais de Diana Quer, Ricardo Pérez Lama, asegurou, pola súa banda, que "o veredicto foi impecable e de libro" e defendeu a imparcialidade tanto do tribunal do xurado como dos forenses. Fronte iso, dixo, "a versión do acusado é totalmente inviable", e centrouse no feito de que o corpo da rapaza estivera completamente espido para asegurar que houbo agresión sexual.

A vista quedou vista para sentenza despois de que o propio Abuín Gey fixera uso do seu dereito a falar. "Non ocultei nada", dixo.