CRTVG

Buscar

O campo galego garante o abastecemento conforme aos protocolos de seguridade

Publicado o 24/03/2020 22:42

O campo galego garante a continuidade da súa actividade produtiva e comercializadora para atender as necesidades da poboación. Actúa atendendo os protocolos de seguridade para evitar contaxios, con especial atención ás persoas que traballan na manipulación e envasado de produtos.

O campo galego nutre a diario os mercados de produtos frescos e de calidade, pero tamén presta especial coidado na seguridade alimentaria.
As cooperativas agrícolas e gandeiras galegas están a reforzar os seus protocolos de actuación co obxectivo de garantir a seguridade e saúde tanto dos traballadores como dos consumidores dos produtos.
Préstase especial atención ás condicións de traballo das persoas que se ocupan da manipulación e envasado dos produtos, co cumprimento rigoroso das normas de hixiene e desinfección. A isto hai que sumar as medidas organizativas excepcionais, como a distancia entre traballadores para evitar contactos interpersoais, o reforzo da hixiene das instalacións ou o uso de máscaras e guantes, isto último xa habitual nas industrias do sector agroalimentario.
Continúan os controis veterinarios, a recollida do leite segue con normalidade e, aínda que os mercados gandeiros quedaron en suspenso, continúan funcionando os matadoiros. Non hai evidencia de momento de que os alimentos poidan ser unha fonte de transmisión do virus.

Noticias web

24/03/2020