CRTVG

Buscar

O Brasil rexistra 1.473 novas mortes e xa é o terceiro país con máis vítimas

Publicado o 05/06/2020 07:45
O Brasil rexistra 1.473 novas mortes e xa é o terceiro país con máis vítimas

O Brasil rexistrou este xoves un récord de 1.473 novas mortas por COVID-19 en 24 horas; cun total de 34.021 falecidos e máis de 600.000 casos desde o inicio da pandemia, desprazou a Italia do terceiro lugar na lista de países con máis vítimas, segundo informaron fontes oficiais.

Conforme ao boletín divulgado este xoves polo Ministerio de Saúde brasileiro, o número de mortes foi récord por terceiro día consecutivo tras os 1.262 falecementos do martes e os 1.349 do mércores.

O rexistro de máis de mil mortes diarias nos últimos días converteu a Brasil no terceiro país con máis vítimas no mundo, despois dos Estados Unidos (107.979) e o Reino Unido (39.987), e xa por diante de Italia (33.689), segundo os datos da Universidade Johns Hopkins.

De acordo coas cifras oficiais, nas últimas 24 horas rexistráronse 30.925 novos contaxios, por encima dos 28.633 do mércores, co que o número acumulado de casos ascendeu ata 614.941.

Con máis de 600.000 contaxios desde que rexistrou o primeiro caso do novo coronavirus o 26 de febreiro pasado, O Brasil é o segundo país con máis casos no mundo despois dos Estados Unidos (1.867.620), moi por diante de Rusia (440.538), e confírmase como o epicentro da pandemia en América Latina.

Segundo o boletín ministerial, 325.957 pacientes, que constitúen o 53,0 % do total de infectados, aínda están baixo coidados médicos, mentres que 254.963 (41,5 %) recuperáronse e recibiron a alta.

As elevadas cifras de casos e mortos prodúcense cando varios gobernos rexionais e municipais do Brasil puxeron en marcha esta semana procesos graduais de desescalada das medidas de paralización económica e comezaron a flexibilizar as orientacións de distanciamento interpersoal.

A  flexibilización é criticada por especialistas e científicos, que consideran que o país aínda está lonxe do pico da curva de contaxios, previsto para xullo, e que nalgunhas rexións a infraestrutura hospitalaria pode colapsar.

A desescalada é urxida polo presidente do Brasil, Jair Bolsonaro, un dos gobernantes máis escépticos respecto á gravidade da pandemia, que chegou a cualificar a COVID-19 como unha "gripiña" e que desde o comezo da crise defende a fin das medidas de distanciamento impostas polos gobernos rexionais e a normalización de todas as actividades.